Un gol de Marcos no desconto aproxima o C.D. Lalín á permanencia

La Voz LA VOZ | LALÍN

DEZA

SANTI M. AMIL

O defensa marcou o 1-2 de lanzamento de falta a uns 40 metros da portería ourensá O partido estivo marcado pola igualdade e un colexiado que amosou 14 tarxetas

21 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Quen o víu e quen o ve. Da man de José Manuel Alonso Acevedo, o C.D. Lalín sumou onte no Couto a súa cuarta victoria nos últimos catro partidos de Liga. Un rexistro que borra a imaxe de conxunto perdedor da etapa de Gelucho e converte o cadro roxinegro no máis firme candidato á permanencia de entre os sete equipos inmersos na guerra pola salvación. Non lle resultou doado ao Lalín levarse os 3 puntos do campo do Ourense B. No terceiro minuto do desconto Marcos converteu a execución dunha falta a uns 40 metros da área local no definitivo 1-2, cando xa ninguén contaba con máis resultado cá un xusto empate. Lalín e Ourense B protagonizaron un duelo igualado, que o cadro local puxo de cara no minuto 10 cun cabezazo de Portela a saque de córner. Mais non tardarían moito os homes de Acevedo en reestablecer a igualada. Concretamente, 18 minutos, cando Matelo transformou un bo pase de Nando nun golazo picando o esférico ante a saída de Berto. A partir de aí a igualdade non fixo máis que acentuarse, prolongándose na segunda parte ata o gol de Marcos no tempo de desconto. Ao termo do choque Acevedo amosábase eufórico logo de ampliar a catro o pleno de victorias trala súa repesca para o banquiño roxinegro. O técnico dixo estar «contento» polo resultado ante «un rival difícil, de mucha calidad, y ante el que estuvimos a la altura». O asturiano sinalou que o trunfo naceu do éxito da súa estratexia de bloquear o xogo ourensán no mediocampo, e dunha «pizca de suerte en el último gol». Sorte que, nembargante, «hay que buscar». O peor do partido foi a actuación do colexiado, o monfortino Joaquín Cabarcos León, que amosou catorce cartóns e expulsou a tres xogadores. Entre eles, os lalinenses Valeiras, por dobre amonestación xa co tempo cumprido, e Villa, que víu a vermella directa sentado no banquiño e cando tan só transcurriran 15 minutos de xogo. Derrota do Laracha Ademais do seu trunfo en Ourense, o C.D. Lalín beneficiouse onte da derrota do Laracha no campo do Deportivo B. O 3-0 final deixa o Laracha, ata onte decimosexto clasificado, 6 puntos por debaixo do cadro dezao, que agora suma 34. O plantel de Acevedo estará esta tarde moi pendente do que fagan os outros cinco equipos inmersos na loita pola permanencia. Sobre todo, do enfrontamento directo entre o colista, o Arousa (24 puntos), e o cuarto pola cola, o Cruceiro do Hío (28). Tal e como está a situación, o mellor para o C.D. Lalín sería sen dúbida unha victoria vilagarciana. Pola súa banda, o Bergantiños (25 puntos) ten un complicado compromiso no campo dun Negreira que non pode descoidarse o máis mínimo se quere desputar finalmente a fase de ascenso á Segunda B. Betanzos (25 puntos) e Lemos (31) teñen a priori os choques máis asequibles, ante sendos rivais situados en terra de ninguén. O Betanzos, no campo do Portonovo, e o cadro lugués, na súa propia casa fronte ao Céltiga da Illa de Arousa.