SOMBREIREIRA
18 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.Na Estrada quedan poucas sombreireiras que fagan sombreiros dos de toda a vida. Por iso a Delia Concheiro lle choven os encargos de todas partes. Cando empeza a saír o sol, vai coa súa artesanía á feira, pero cando ela non chega á Estrada, os clientes chéganlle á súa casa de Santeles. -Na miña familia sempre se fixeron sombreiros. Eu fágoos desde hai quince anos, pero antes facíaos mamá e antes a miña avoa e a miña bisavoa... Eu acordo cando miña nai iba con cestas cheas deles á romaría do Pico Sacro... -¿Cómo se fai un bo sombreiro? -Con palla de centeo, co alcacén, pero hai que segalo antes de que bote o gran, cando bota a flor, que lle chaman a purga. A palla hai que recollela, secala e gardala para o ano seguinte. Que non se molle. É como a roupa, se chove, hai que collela. Despois hai que limpar a palla, facer a tira e cosela, que leva moitas puntadas. Unha vez doume por contalas: contei trescentas e aínda non había sombreiro. -Agora hai menos labregos e máis con tractor ¿que tal vai o negocio? -O meu home vai no tractor e vai sempre con sombreiro, porque non ten cabina, pero él non mo paga (ri). Para o campo véndense moitos menos, pero agora tamén teño vendido algún para coros ou charangas, algún para adornar na casa, algún para levar a Arxentina e ata algún para a praia. -¿Son mellores cás pamelas? -Estes aguantan o sol e a chuvia e, os bos, duran ata dez anos.