«Chegou a hora de que A Estrada demostre que pode ter un equipo elite»

La Voz P. P. | LALÍN

DEZA

COORDINADOR DEPORTIVO MUNICIPAL

17 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Nacido en Cesures pero estradense de adopción e vocación desde hai 22 anos, Manuel Barreiro é desde hai tres lustros o arquitecto na sombra do deporte da Estrada. Coordinador municipal da materia, predica co exemplo. Tras practicar na súa mocidade o remo na Ría de Arousa, probou o baloncesto, o fútbol, o tenis e a súa gran paixón, o fútbol sala, que aínda xoga e que axudou a facer xerminar na Estrada como xogador, adestrador e directivo do Gran Vía, primeiro, e do Enredo despois, pasando pola organización da Liga Local. -¿En que consiste o labor dun coordinador deportivo municipal? -Na organización de tódalas actividades deportivas do Concello, a coordinación das escolas municipais, o reparto das instalacións entre os clubs e particulares, incluídos os pavillóns dos centros escolares, e todo o tema administrativo. -Vamos, que vostede fai a masa, coloca os ladrillos e alicata a ala deportiva do Concello... -(Risas)... e despois vana inaugurar. Os temas de infraestructuras e convenios con outras institucións, e as relacións cos clubs lévaos o concelleiro. Eu levo o día a día. -¿A Estrada é un pobo deportista ou máis ben sedentario? -É un pobo moi deportista. A proba é que practicamente non temos horas libres nos pavillóns. De aí que sexa tan importante que esteamos a xestionar tamén as instalacións deportivas escolares. -Despois do ascenso a Prata márchasenos a directiva do A Estrada F.S.... -Haberá que ver se aparece alguén que queira coller o club. Se é así a demisión quedará como unha anécdota. Chegou a hora de que A Estrada demostre que pode ter un equipo de elite. Outros concellos con menos capacidades téñeno.