O C.D. Lalín é o peor equipo da Liga desde o inicio de ano

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo LALÍN

DEZA

O cadro de Gelucho é o único que aínda non foi quen de gañar no 2007 O plantel roxinegro presenta ademais a defensa máis feble das últimas dez xornadas

13 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

O C.D. Lalín é o peor equipo galego da Terceira División desde que comezou o presente ano. Unha condición que o conxunto de Gelucho se gañou a pulso cunha paupérrima bagaxe de 3 puntos nos últimos 10 partidos. Ou o que é o mesmo, unicamente o 10% dos 30 que se puxeron en xogo desde o pasado 7 de xaneiro. Ata o colista, o Arousa, recolectou maior ganancia neste intervalo, con 6 puntos froito dun par de victorias. Os números vermellos do conxunto de Gelucho aséntanse sobre outra marca de triste propiedade. E é que o primeiro equipo do club presidido por Amandio De Bessa é o único que aínda non sabe o que é gañar neste 2007 no grupo galego da Terceira División. Dez xornadas nas que o que máis e o que menos xa se estreou. Algúns, como o Bergantiños, disfrutando do lindo da súa única victoria, o 0-6 que lle endosou o 10 de febreiro no Cortizo a un Lalín que sufría a derrota máis humillante da súa historia. Con 28 goles en contra, o de Gelucho é tamén o equipo máis goleado desde o cambio de ano, cun promedio de 2,8 tantos encaixados por encontro. En definitiva, unhas cifras que poñen en seria dúbida a capacidade de reacción do club roxinegro para eludir o descenso á Preferente.