«Pontevedra cre cada vez máis no seu campus»

Serxio Barral Álvarez
Serxio Barral PONTEVEDRA

DEZA

Entrevista | Alberto Pena Rodríguez En outubro comezou a súa segunda etapa como decano, tras un primeiro mandato do 2000 ao 2003. A razón do regreso: «Creo no proxecto desta facultade»

17 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

A facultade creouse no ano 1994, e Alberto Pena chegou a ela no 96. Polo tanto, sabe do que fala cando bota a ollada cara atrás. -A facultade deu un salto cuantitativo e cualitativo nestes anos -destaca-. Incluso no propio nome, porque naceu como Facultade de Ciencias Sociais e agora é Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Empezamos nun edificio que estaba case que en ruínas, con moita precariedade, e agora estamos nun edificio que ten un equipamento que, aínda que hai que melloralo cada ano porque a tecnoloxía é obsolescente e vai mudando, cumpre con todas as garantías para impartir unha docencia de calidade e para que se poida facer investigación tamén con eficacia. No 94 comezamos cunha soa titulación e agora temos tres. -¿E cómo se mira o futuro? A converxencia europea está aí... -Procuramos adaptarnos en todo momento ao mercado laboral, por iso impulsamos no seu momento a reforma do plano de estudios de Publicidade e Relacións Públicas, hai tres ou catro anos. De cara ao plan Bolonia intentaremos adaptarnos ás directrices que estableza o Ministerio no ámbito das ciencias da comunicación e da xestión e administración pública. Estamos a expectativa, recollendo toda a información, procurando analizala, intentando reflexionar e sobre todo ollando futuro pero cos pes no presente. Hai que ter en conta que neste momento non hai nada aprobado para poder tomar decisións. Como dicía Baltasar Gracián, «es prudente solucionar los problemas que van viniendo, pero imprudente solucionar los problemas que están por venir. Estamos á espera, pero unha espera activa. -¿Estará a facultade preparada para sumir os cambios cando sexa o momento? -A facultade está disposta a emprender os cambios que sexan necesarios para adaptarse á converxencia europea. Pero, claro, como todo centro académico, nun proceso de transformación serán precisos apoios dende dentro da Universidade e apoios dende as institucións implicadas. Sobre todo no financiamento, pois pode implicar máis gastos de profesorado, reformas no equipamentos.... O plan Bolonia tamén busca tender unas pontes fortes e sólidas có mundo profesional, reducindo incluso o que é a aprendizaxe teórica e primando a aprendizaxe práctica. -¿Será doado facer ese cambio? -Nós non queremos descoidar en ningún caso o que é a parte teórica, porque é a que axuda a estruturar o pensamento, a ter ideas e a proxectalas profesionalmente. Hai quen din que non hai nada máis práctico que unha boa teoría, e exactamente é así, porque nós non queremos formar autómatas, senón persoas que reflexionen, que teñan unha mente crítica e que saiban innovar. -A última titulación que se implantou aquí foi Comunicación Audiovisual. A decisión salomónica da Xunta foi levala ás tres universidades ¿Como vai a convivencia? -A nosa titulación está funcionando moi ben, con 40 alumnos de entrada cun plan de estudios compartido coa Universidade de Santiago, e cunha especialización, produción e realización audiovisual, no que creo que hai un campo de futuro para os nosos licenciados. -¿Non existe confrontación con Santiago ou A Coruña? -Non, para nada. Existe colaboración e complementariedade en todos os sentidos. A Coruña está máis centrada no eido multimedia, mentres que en Santiago existe un itinerario sobre dirección de guión e dirección de cine, e nós, produción e realización. Nese sentido existe total complementariedade. -Corenta prazas... ¿É posible asumir máis alumnos? -A facultade podería ter capacidade para máis alumnos, aínda que teríamos que estudalo. O que é a calidade do ensino está relacionada có número de alumnos. Con estas cifras evitamos que se sature o mercado laboral. -Falemos doutra titulación. ¿É Administración e Xestión Pública a irmán pobre deste centro? -Non, nin moitísimo menos. Ten un perfil diferente de Publicidade e de Comunicación Audiovisual, pero é un perfil moi axeitado para formar futuros xestores nas distintas institucións públicas. Creo que nos vindeiros anos esta titulación irá tendo cada vez máis éxito. O que pasa é que as titulacións do eido da comunicación son carreiras moi demandadas socialmente, con moita proxección, e poden solapar en determinado momento o protagonismo de Xestión. Pero en calquera caso é unha titulación máis da facultade, ao mesmo nivel que as outras. -Teño que preguntarlle por ese cartel que se colga habitualmente deste centro no senso de que se trata dunha facultade de xornalismo encuberta. -Non é certo que nós formemos xornalistas. Formamos licenciados en Publicidade e Relacións Públicas e licenciados en Comunicación Audiovisual, pero o mercado é libre de contratar a quen queira. E se as empresas contratan aos nosos alumnos para traballar como xornalistas, son libres de facelo. É o mercado o que ao final fai o filtro. Nós procuramos, iso si, que os nosos alumnos teñan unha formación o máis polivalente posible porque iso lles servirá para adaptarse o máis rapidamente ó propio mercado. -¿Como ve o campus de Pontevedra? -Penso que é un campus con moitísimo futuro e con moito presente. O actual reitor e o propio vicerreitor de campus teñen moi claro que aquí danse moitísimas sinerxias, que as titulación que se imparten en Pontevedra son estratéxicas, e que o campus ten nese sentido unhas posibilidades de desenvolvemento enormes. O campus mellorou en infraestruturas, mellorou en recursos humáns, e agora temos un vicerreitorado, mellorou na relacións coa cidade, coas institucións... Creo que neste momento, a cidade cada vez cree máis no seu campus.