Corenta cativos lalinenses irán ao Campamento de Antroido

Amelia Ferreiroa LALÍN

DEZA

Na Praza da Igrexa haberá tamén bailes e cancións do Brasil

14 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

A Concellaría de Xuventude de Lalín, en colaboración coa OMIX, decidiron centralizar as actividades de Antroido para os pequenos nun campamento de tres días de duración, e que comezará este mesmo sábado. Logo, se desenvolverá tamén o luns e o martes sempre en horario de mañán, de 10.30 horas a 13.30 horas. O campamento vai dirixido a un total de corenta rapaces, con idades comprendidas entre os 5 e os 8 anos, e arrancará o sábado cun obradoiro de máscaras e de disfraces para prepararse para as festas. Para o luns está previsto celebrar unha gran festa de disfraces con actuación, e o martes será unha xornada adicada á recuperación de xogos tradicionais. Todas as actividades se celebrarán nas dependencias da Casa da Xuventude de Lalín. Pero o Antroido traerá parello máis novidades nista ocasión. Así, o mesmo sábado ás cinco da tarde na Praza da Igrexa celebrarase o Carnaval do Brasil. O obxectivo da actividade é dar a coñecer ao público lalinense outros aspectos do Antroido fóra de Galicia polo que se fará unha exhibicións de cancións e de danzas de distintas zonas do Brasil. Non faltará tampouco unha pequena exposición con fotos das festas máis tradicionais do país, que chegarán a Lalín a traveso dun colectivo de brasileños residentes en Lugo. E o domingo haberá unha carreira de orientación, na que os rapaces terán que superar máis dunha proba.