Crónicas | Reparto das entradas para la Gala do Cocido Centos de lalinenses, a maior parte deles adolescente, fixeron colas de dúas horas para recoller un par de invitacións para asistir á gala que será emitida pola TVG
06 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.? pesares de que a tarde viña cargada de frío e humidade, algún mozos xa gardaban o posto na cola ás portas do Concello de Lalín dúas horas antes de que se repartisen as entradas para asistir mañá, a partir das 21.30 horas, á Gala do Cocido de Lalín, que será emitida como todos os anos pola canle autonómica. Centos de rapaces de nove a dezaséis anos ateigaban a praza do Concello, amenizando a espera con gargallos e bromas. Para cando se achegou José Antonio González Sisto, funcionario municipal, coas entradas na man, xa comezaban a agolparse de impaciencia. Foron pasando con celeridade, collendo dúas entradas por cada persoa. Cos anacos de papel nas mans, algúns rapaces din que, en realidade, non querían ir á gala, pero marchan co paso acelerado e entre risos. Outra panda recoñece ter chegado ás seis e media, cando no reloxo marcan as oito e media. ¿Todos? Non, un deles, alto e fraco, di ben forte que esperou pola entrada quince minutos de reloxo. «Iso, iso, este colouse» confirman os amigos. Alejandro Manzano, que ocupaba a segunda posición na cola, está contento: a súa moza Susana mais el irán a ver a David de María e a Antonio Orozco. Non só hai mozos ou adolescentes. Pola metade dos que agardan comezan a verse algunha persoas que xa peinan canas. Ao final, repartítonse 1.300 entradas. Aínda quedan 200 posibilidades de asistir.