A Estrada. Os Reis utilizarán tres carrozas para percorrer as rúas da vila a partir das 18.30 horas desde Guimarei para pasar polas Avenida da Torre, rúas Varela Buxán e Fernando Conde atravesando pola Porta do Sol e a rúa Ulla. Subirá despois por Calvo Sotelo, Avenida de América, Praza de Galicia, rúa da Peregrina ata chegar á avenida Benito Vigo, onde recorrerá o último treito do camiño para acabar na Praza da Constitución. Alí, nun escenario situado na fronte da casa do Concello, recibirán aos nenos estradenses. A cabalgata de A Estrada é a única de Deza e Tabeirós onde se repartirán caramelos sen glute, aptos para celíacos. Estes doces non teñen un sabor diferente, nin son máis caros, pero neste ano, os nenos celíacos só poderán gozar dos doces nesta vila. A asociación de celíacos de Pontevedra estima que hai 300 menores afectados por esta patoloxía na provincia. En Concellos coma Melide ou Monterroso xa se reparten doces sen glute. Forcarei. Ás 17.00 horas partirá a comitiva desde o pavillón de Soutelo de Monte. Despois do percorrido pola estrada de Ourense, os Reis Magos entrarán ás 18.15 horas en Forcarei pola rúa Progreso. Os Magos serán recibidos pola corporación municipal na Praza da Igrexa, onde repartirán caramelos e agasallos para todos os nenos que acudan a velos. Cerdedo. A partir das 17.00 horas, as súas Maxestades recibirán en audiencia aos nenos da vila na Praza do Concello, e despois, farán a tradicional ofrenda ao Neno Xesús. Ás 17.30, representarase unha obra de teatro titulada O Carballiño enfermo. Esta representación corre a cargo da compañía Teatro Migallas. Ao fin da obra, os Reis repartiran agasallos e convidarán a chocolate quente con rosca.