Reportaxe | Falta de control nos recintos deportivos lalinenses O Concello de Lalín está a informar aos clubs da súa decisión de comezar a supervisar o uso das instalacións deportivas municipais, pero di carecer de persoal suficiente para facelo
14 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.O Concello lalinense, a través da Fundación Deporte en Lalín, pretende poñer fin a un dos défices máis sangrantes das instalacións deportivas municipais: a ausencia de supervisión do uso destes recintos. Un uso que a día de hoxe se sustenta única e exclusivamente sobre a boa fé dos clubs, e que incide directamente no estado de conservación das vellas instalacións deportivas. E é que nestes momentos os clubs de Lalín botan man dos recintos deportivos municipais sen que ningún traballador do Concello controle o seu estado posterior, e sen que exista unha vixiancia do acceso aos mesmos, puidéndose ver día si e día tamén a rapaces alleos a calquera club e carentes do menor interese por alugar unha pista campando ás súas anchas polas instalacións. O actual sistema deu pé a máis dun problema. Como os graves desperfectos causados hai un ano nos vestiarios do túnel do Pavillón Municipal, sen que se acabase sabendo o culpable da desfeita. A falta dun mínimo rexistro de usuarios fixo imposible descubrir o causante ou causantes dos destrozos. De feito, o por entón edil de Deportes, Ramiro Ruibal, tivo que rectificar a súa acusación inicial, que responsabilizaba aos canteiráns do Balonmán Lalín dos actos vandálicos. Froito deste triste episodio, Ruibal e o presidente do C.B. Lalín, Nicolás Varela, acordaron repartir a tarefa de controlar o perfecto estado de cousas do Pavillón Municipal entre os conserxes do Concello e os clubs, quedando estes últimos como únicos garantes fóra do horario laboral dos empregados do Concello. Consciente de que esta non é a solución correcta, a Fundación Deporte vén de editar unhas novas normas de uso dos recintos deportivos. Nelas, a principal novidade é que tódolos usuarios deberán asinar nun rexistro antes e despois de acceder ás pistas, que serán revisadas polo empregado municipal de turno tralo seu disfrute. Desde a Fundación estáse a comezar a informar aos clubs das novas normas. Pero ao mesmo tempo, se lles está a comunicar que de momento no as teñan en conta. O motivo deste contrasentido non é outro que a falta do persoal preciso. Alomenos no que se refire ao Pavillón Municipal, ás pistas de tenis e ao Pavillón do Comarcal. Tres conserxes Estes recintos contan con tres conserxes. Dous deles en horario de mañá, e un terceiro de tarde e fins de semana, que remata o seu horario ás dez da noite, cando os Pavillóns teñen actividade ata as 00.30 ou 01.00 horas, e que cando traballa un domingo, case sempre, libra o luns pola tarde. Os usuarios dispoñen das instalacións sen ningún tipo de fiscalización, co que a día de hoxe resultaría imposible determinar os responsables de calquera posible novo desperfecto. Exactamente igual ca hai un ano. Unha redistribución dos turnos dos conserxes podería ser unha posible solución. Mais non semella que a capacidade de organización sexa o punto forte dos responsables de destinar o persoal ás instalacións deportivas. Para mostra, un botón. En agosto pasado os recintos da zona deportiva municipal estiveron pechados unha semana por falta de conserxe ante a baixa do único que estaba dispoñible. Aos outros dous déranlles vacacións o mesmo mes. E mentres o Concello non resolve este asunto, os usuarios nocturnos dos recintos urbáns seguirán agardando por Protección Civil, no Pavillón do Comarcal, e polo vixiante do Pontiñas, no resto, para que pechen as instalacións.