A Fundación convoca as súas primeiras axudas

La Voz LA VOZ | LALÍN

DEZA

? Fundación Deporte en Lalín entregarálles a vindeira semana aos clubs locais as bases para acollerse ás primeiras bolsas de axuda convocadas polo ente público. Unhas axudas que serán concedidas antes do 31 de decembro, e que teñen por obxectivo apoiar o traballo coas canteiras das sociedades deportivas de Lalín. As bolsas da Fundación poderán ser destinadas a tres tipos de gastos: material deportivo, desprazamentos dos deportistas e material informático para os clubs. Nos tres casos, as axudas cubrirán unha parte da partida correspondente que as entidades deportivas teñan incluída nos seus orzamentos para a tempada 2006/2007. Os clubs con dereito a beneficiarse desta liña de bolsas son o Club Tenis de Mesa Lalín (dez rapaces na súa canteira), o Tenis Avantaxe (44), o Club Balonmán Lalín (152), o Club Balonmán Deza (16), a Escola de Fútbol Lalín (152), a Escola Atletismo Deza (38), o Club Natación Lalín (36) e o Club Deportivo Lalín (22). As entidades deportivas terán ata o 1 de decembro para presentar a correspondente solicitude ante a Fundación Deporte. A contía das bolsas está aínda por determinar, xa que a Fundación destinará ás mesmas tódolos ingresos que dea captado durante o derradeiro trimestre do ano. No 2007, no seu segundo ano de funcionamento, o ente público pasará a fixar a cantidade destas axudas no seu orzamento.