A igrexa de San Lourenzo de Ouzande

Xosé Luna Sanmartín A ESTRADA

DEZA

MARCOS MÍGUEZ

A cruz cumial do templo, utilizada por os hispanovisigodos, é característica de Asturias Castelao era, na súa xuventude, un dos admiradores deste conxunto arquitectónico

07 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

?uzande antigamente chamábase Ausande, que en latín vulgar significa «alá», «andando ata máis adiant». Do ano 1362 é un escrito polo que dona Aldonza Fernández de Churruchao doa ao mosteiro de Acibeiro «toda cuanta herdade et chantado eu ey enna freigesia de San Lourenço Douciente, a cual herdade chaman dorrego». Máis tarde, ao redor de 1574, aparecen documentos nos que a Ouzande se lle denomina Uçande e tamén aparece como vila de Ausinda. Xa no século XVII identifícase Ouzande con San Lorenço de Beande. Nos primeiros anos deste século o xove Castelao ía de paseo, coa que posteriormente sería a súa muller Virxinia Pereira, dende A Estrada ata Ouzande. Gustáballe moito a igrexa e o cruceiro. Observando a fachada principal da igrexa da parroquia estradense de Ouzande, de orientación occidental, apréciase o perfil dun arco de medio punto peraltado e cegado. Este arco, que facía o labor de descarga, é o único testemuño que nos queda da primitiva fachada románica que desapareceu tras a reedificación de parte da nave que tivo lugar, como se pode constatar nunha inscrición sita no lintel da porta lateral setentrional, no ano 1781. A fachada presenta unha porta rectangular arquitrabada e unha fiestra na parte central superior. O conxunto está coroado por un campanario de dobre corpo, onde tres arcos de medio punto, dous no de abaixo e un no de enriba, resgardan as tres campás. Aderezan as acróteras dos dous corpos uns pináculos barrocos. Unha cruz de ferro con veleta, símbolo característico dos nosos templos, érguese na parte central do corpo superior. Esta fachada lémbranos á de San Miguel de Moreira. Capela do Socorro No muro meridional da nave, salváronse da desfeita da restauración, un fragmento do aleiro decorado no chafrán con bólas. Na parte meridional está a capela do Socorro e na parte setentrional, anexionada á parte recta da ábsida, están as dependencias da sancristía. Castelao gustaba de chamarlles ás cruces que se erguen no cumio das igrexas, ás cruces antefixas, ás fillas ou netas, pola súa feitura, das irlandesas e escocesas, cruces cumiaes. Un carneiro portador dunha cruz está no piñón do muro do testeiro da nave de San Lourenzo. O tema do Agnus Dei, tan representado na miniatura mozárabe, está moi difundido no noso románico. O Agnus Dei, o Año de Deus ou Año Pascual, Xesucristo, aparece degolado porque foi inmolado e á vez en pé porque foi resucitado. Cristo é comparado constantemente ao longo da biblia cun año, animal frecuentemente empregado nas ofrendas a Iavéh; é símbolo de bondade e de mansedume. Cristo, como fillo de Deus, acata con docilidade os mandatos do Pai que lle ordena morrer para «quitar os pecados do mundo». Unha cruz singular A característica do Agnus Dei, de Ouzande, está na tipoloxía da cruz. Estamos perante unha cruz de palmas ou de oito puntas, esta cruz é de tradición hispánica, utilizada polos hispanovisigodos, é unha cruz que pertence ao grupo das patadas e é característica de Asturias. Lembrámonos dos versos do poeta pontevedrés, Luis Amado Carballo, que nos invitan a contemplar unha posta de sol sobre as cruces das nosas igrexas: «E o sol agoniante/ vén a encravarse na cruz,/ abrindo os marelos brazos/ como o Salvador Xesús».