Agolada volta ao pasado da man da romaría medieval

DEZA

MIGUEL SOUTO

En dous minutos | Comeza a décima Mostra de Artesanía Agárdase a participación de máis de 30 artesáns no entorno dos Pendellos

10 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

O entorno dos Pendellos de Agolada é dende hoxe o escenario no que se celebra a X edición da Mostra de Artesanía do municipio. Agárdase que máis de 30 mestres artesáns chegados de toda Galicia expoñan nos Pendellos e na carpa instalada para a ocasión os seus traballos. Coiro, madeira, canteiría e area son algúns dos materiais cos que están feitos parte dos obxectos que se exporán e estarán á venda, e entre os que se atopan tamén bonecas de trapo. Un dos pratos fortes da xornada inaugural da Mostra de Artesanía de Agolada chegará hoxe ás 23.00 horas, cando está previsto que dea comezo a romaría medieval, un dos clásicos do programa da mostra, e que edición tras edición, congrega a un maior número de público. Os organizadores agardan que a xente acuda á romaría con vestiduras á antiga usanza. Nese entorno máxico será no que se poderá degustar torresmos, pan de millo, viño e queimada. Para amenizar a velada, actuará un grupo de música e baile tradicional portugués, a Associaçao Cultural de Vila Franca, de Viana do Castelo. O programa da Mostra para o día de hoxe dará comezo arredor das 11.00 horas coa apertura dos stands dos artesáns, e ao son da charanga Os mozos do Farelo. Haberá ademáis unha exposición homenaxe a Antonio Taboada, Wily. Arredor das 18.00 horas comezará un obradoiro de coiro, e coa chegada da noite, arredor das 21.30 horas, comezará a representación teatral de A farsa do avogado , a cargo do Grupo Teátrica. Para mañá están programados varios obradoiros, amáis do festival de bandas e teatro de títeres.