Sen descanso

DEZA

O SOL | O |

03 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

A METADE DO verán vai aló, e con el, boa parte do monte das comarcas de Deza e Tabeirós. Segundo os datos barallados pola Consellería do Medio Rural, xa arderon 175 hectáreas na comarca, e as cifras seguen incrementándose de xeito temerario. Poderían contarse cos dedos dunha man os días deste verán nos que dende estas páxinas non houbo que informar de incendios forestais. Hoxe, como non, volven ser actualidade. Muimenta ardeu durante unha semana. A cor verde do monte volveuse dun tono marrón parduzco que o único que inspira é pobreza e soidade. Ao igual que ocorreu en Muimenta, pasa en todos e cada un dos recunchos nos que as lapas arrasan todo o que hai ao seu paso. Da igual monte raso que arbolado. Non respecta nada nin a ninguén. O ano pasado Galicia pasou o verán envolta en lapas. Este ano igual. As comarcas de Deza e Tabeirós, a estas alturas do 2005 rexistraron 145 hectáreas incendiadas. Este ano xa van aló trinta máis. O número de focos tampouco deixa lugar á esperanza. O ano pasado foron 55 e este ano 85. Se nos paramos en Lalín, a visión é de cor negra intensa. O ano pasado arderan 19 hectáreas de monte en xullo. O mes pasado a cifra chegou ás 104. A ónde imos parar? Á hora de pedir responsabilidades, e de explicarlle aos veciños o que ocorreu, e porqué ocorreu, poucas respostas hai. A negra man do home está detrás de boa parte dos lumes que se orixinan «fortuitamente» nos montes galegos, pero son poucas as veces que se ven os rostros e que se pagan os feitos. Agora só queda mirar cara diante e pensar en que algún día o que no seu momento foi de cor verde intensa, volverá a selo de novo. Ata entón só nos queda extremar as precaucións para evitar que calquera despiste poida acarrexar novos lumes. Pidamos que tampouco haxa mans negras.