Balance | O C.B. A Estrada cumpliu os obxectivos
11 jul 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Hoxe ás 11.30 horas Rosa Ortega, unha alta responsable do Consejo Superior de Deportes, visitará A Estrada para comprobar as insalacións do centro de tecnificación da vila, de cara á súa homologación. Ortega estará acompañada de responsables de Xunta de Galicia, do Presidente da Federación Española de Bádminton e de representantes do concello da Estrada. A homologación das instalacións antóllase un dos últimos trámites para o centro de tecnificación, unha forte aposta polo deporte e polo que Rodrigo Sanjurjo, do Club Bádminton A Estrada leva tempo loitando sen descanso. Agora semella que por fin o centro contará con todo o papeleo e os trámites legais imprescindibles. O traballo de posta en marcha do centro marcou a última tempada do Club Bádminton A Estrada. O club, que conta con 111 xogadores federados ven de rematar unha excelente campaña na que os obxectivos están cumpridos. O club estradense conseguiu manterse na máxima categoría do bádminton nacional, División de Honra, e coa vindeira, serán xa catro tempadas consecutivas competindo en ligas nacionais. A nivel galego os resultados do Club Bádminton A Estrada son insuperables: doblete en Liga e Copa, e indiscutible hexemonía dos de Rodrigo Sanjurjo. Para firmar estes resultados, a chave está na aposta pola base. O C.B. A Estrada é consciente de que para manterse nos postos altos da clasificación, nas distintas categorías, hai que facer unha aposta forte polos máis novos, e isto tradúcese en ter aos mellores xogadores de Galicia, e en ser un dos clubs dos que se alimenta a selección española. A vindeira tempada plantéxase ata certo punto como unha incógnita. O cambio no sistema de Liga en División de Honra obrigará ao C.B. A Estrada a aumentar o número de desprazamentos dos seus xogadores, e iso, precisa un investimento importante. A pasada tempada DLC foi o principal espónsor no que se apoiou o club, que contou tamén co respaldo do concello, pero para a vindeira campaña será preciso incrementar os ingresos. O C.B. A Estrada comezará a pretempada o 1 de agosto sen Rafa Vázquez, que deixa o club por esixencias do centro de Alicante.