O Lalín comunícalles a Carlos e Manu que non conta con eles para a vindeira tempada

La Voz LA VOZ | LALÍN

DEZA

02 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

? presidente do Club Deportivo Lalín, Amandio De Bessa, anunciou onte o nome das dúas primeiras baixas no equipo: Carlos e Manu. O mandatario roxinegro informou que o club venlles de comunicar a ambos xogadores que non conta con eles para a vindeira tempada. De Bessa atribuíu a decisión respecto ao porteiro a unha cuestión monetaria: "Carlos portouse fenomenalmente connosco. Pero temos que mirar pola situación do club. Temos que fichar e para iso debemos liberar fichas. Ademais, Carlos viña tódolos días desde A Coruña, e iso supoñía un diñeiro" a maiores para as pobres arcas lalinenses. O excelente rendemento ofrecido polo teórico porteiro suplente, Dani Pérez, foi outro argumento esgrimido polo presidente do C.D. Lalín á hora de comentar a baixa do cancerbeiro de Antas de Ulla. De feito, "imos ofrecerlle a Dani Pérez a renovación", adiantou un De Bessa que dá por feito o si do porteiro. Curiosamente Carlos fora a primeira fichaxe da directiva de De Bessa. Contratado por tres tempadas pouco antes de que Bahamonde anunciase a súa demisión a comezos do pasado verán, o ex presidente e De Bessa reclamáronlle ao equipo de Juan Suárez Carbia que respetase o acordo con Carlos, cousa que non fixo. Unha vez recuperado o control do club tras forzar a marcha de Carbia e os seus, De Bessa ratificou a fichaxe do de Antas, que agora marcha antes de tempo tras unha discreta tempada na que rematou perdendo a titularidade a mans do prometedor Dani Pérez. Polo que respecta a Manu, De Bessa sinalou que "Acevedo non conta con el". Presentado pola directiva como o dianteiro goleador que precisaba o equipo trala marcha de Senel, o santiagués protagonizou un gran inicio de tempada para perderse pronto no sistema ultradefensivo de Acevedo. Aos seus 19 anos e formado en canteiras como as do Madrid e Valencia, o seu futuro podería voltar a estar na capital. Dúas baixas máis en breve O presidente do Lalín anunciou que o club dará outras dúas baixas máis, que anunciará en breve xunto co nome dos primeiros renovados.