Ruibal respóstalle ao PSOE que o proxecto do Multiusos será completo

La Voz LA VOZ | LALÍN

DEZA

O concelleiro de Deportes de Lalín, Ramiro Ruibal, respostoulle onte ao Grupo Municipal do PSOE, que o pasado sábado lle esixíu publicamente ao Goberno Local a presentación xa do seu proxecto de Multiusos con planos, prazos de execución e un orzamento concretos. Ao igual cós socialistas, o edil de Deportes manifestouse a través dunha nota de prensa, na que asegurou que desde o Concello se presentará un «proxecto completo e con todo tipo de detalles, tanto de obra como de usos e de financiamento». Iso si, sen concretar datas ningunhas. A única data á que se referíu Ruibal foi á do 17 de abril, día no que «lle lembro ao PSOE que desde o Grupo de Goberno pecharemos coa Consellería de Cultura e de Deportes a rolda de contactos na busca de financiamento para o novo multiusos». «Unha vez rematados os contactos que estamos a manter con numerosas institucións e organizacións galegas para a construcción do Multiusos», engadíu o concelleiro, «podo asegurar que desde o Grupo de Goberno presentaremos un proxecto serio, responsable e financiado, con todo tipo de detalles, usos e prazos de execución, a fin de cumprir o que prometemos»: unha nova infraestructura de 6 millóns de euros de orzamento rematada ou moi avanzada na súa construcción antes das vindeiras eleccións municipais, en xuño do vindeiro ano. Crítica aos socialistas Ramiro Ruibal criticou ao Grupo Municipal Socialista por «demandar agora que presentemos o noso proxecto de Multiusos, unha vez se decantaron no PSOE de que a súa iniciativa foi acollida con grande escepticismo». E é que, di o edil, «non se poden lanzar globos sonda, que foron rexeitados por outras formacións políticas, con ideas e non concretar de onde virán os cartos para levalas adiante». Dito isto, Ramiro Ruibal manifestou o seu desexo de que os socialistas non fagan máis fincapé no tema. Así, o equipo de Xosé Crespo «non queremos entrar en polémica con este asunto, porque será o propio pobo de Lalín o que poderá avaliar as propostas realizadas para a construcción do Multiusos por cada formación política». Os clubs de Lalín deberán, pois, seguir agardando a coñecer o gran proxecto polideportivo do Goberno Local.