O adestrador do Real Club Celta de Vigo, Fernando Vázquez, desprazarase o vindeiro martes á capital dezá para impartir unha conferencia, dirixida fundamentalmente aos mozos. A charla-coloquio, que se levará a cabo no salón de actos do IES Laxeiro, versará sobre Ocio e tempo libre na xuventude e inclúese dentro das actividades do proxecto Grundtvig, que pertence ao programa Sócrates, e no que participou o centro educativo lalinense nos últimos anos. Para o seleccionador galego será un novo reencontro coa vila e coas súas xentes xa que no ano 1991 adestrara ao Club Deportivo Lalín. Unha ocasión, sen dúbida para falar de deporte, e cecais para lembrar tamén as evolucións deportivas no estadio Manuel Anxo Cortizo. Unha conferencia, que dará comezo ás 20 horas e que estará moderada polo xornalista deportivo da Radio Galega Alfonso Pardo, que está a espertar interese entre toda a comunidade educativa e á que se agarda unha importante afluencia de participación polo que se roga puntualidade xa que haberá un aforo limitado de 120 persoas.