Óscar García lidera a xeral sub 21 da Challenge Cantabria de ciclocross a falta dunha proba
DEZA
O corredor do Club Ciclista Estradense-Hierros Diego Óscar García atópase a un paso de proclamarse campión sub 21 da Challenge Cantabria Infinita, equivalente ao Open Caixanova de Ciclocross de Galicia. García finalizou o pasado sábado a quinta proba do circuito cántabro, o Trofeo Ayuntamiento de Treto, como o mellor ciclista da súa categoría, ocupando ademais a quinta posición absoluta cun crono de 54 minutos e 53 segundos. Nos primeiros compases da carreira aguantou ás rodas de José Antonio Díez Arriola (Nojo Barrojo) e de Antonio Suárez (Gramán), á postre vencedor e segundo na liña de meta cuns cronos de 51.02 e de 53.33. Finalmente, Óscar chegou por detrás deles e doutros dous competidores, Josu Frías (Erandioko, 53.42) e Bruno Prieto (Montecerrao, 53.46). Co seu primeiro posto en Treto o ciclista do Hierros Diego sumou 30 novos puntos e encabeza a xeral sub 21 cunha considerable vantaxe sobre o seu inmediato perseguidor. Óscar García dispón de 78 puntos, polos 62 de Pedro Luis Alvarado (N. Barrojo), os 58 de Mario San Emeterio Gandiaga (Rotaeche) e os 57 de Eriantz Uriarte (Ibaigane) e Sergio Marcos (Alfus). O título decidiráse na sexta e derradeira proba da Challenge, o 14 de xaneiro en Solares.