Entrevista | Estevo Creus POETA Comezou a impartir onte unhas sesións do segundo obradoiro de poesía, en Lalín
21 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.O Barriga Verde é o punto de reunión. Os luns pola noite fálase de poesía, no segundo obradoiro destas características que se está a celebrar despois do éxito alcanzado na pasada edición. Onte e o vindeiro luns, as sesións están a cargo de Estevo Creus. -Non deixa de sorprender un poeta-psicólogo... -Fun poeta antes que psicólogo. Os meus primeiros poetas son de 1º de EXB, polo que escribín poesía antes de saber se sería bombeiro, astrónomo ou psicólogo. Escribo independentemente da psicoloxía pero por desgracia a profesión marca moito. -¿Como estructurará estas dúas sesións? -A miña intención é que sexan unhas sesións moi prácticas. Ao longo de dúas horas imos xogar coas palabras. Non imos utilizar textos nin libros, só lle permitiremos entrada ás palabras e por deformación profesional tocaremos tamén alguns puntos de unión coa poesía, conexións piscolóxicas. -Para asistir a un obradoiro como iste, ¿hai que posuir certa base poética? -Persoalmente son dos que opina que canto menos se sabe de poesía máis creativo se é. Non hai marcos nin cadrados e por iso os nenos son tan creativos. Un obradoiro como iste debería de ser obrigatorio en todos os ámbitos, para todos e para calquera profesional, dosector que sexa. A poesía é un mecanismo que favorece a intelixencia, nos axuda na creatividade e pode aportar vinte solucións a un mesmo problema que se prantexe. -¿Queda pendente a visita á residencia e o encontro cos cativos? -Á residencia da terceira idade procurarei ir o vindeiro luns, xa que me convidou Celso Fernández, e tamén está previsto un encontro cos rapaces do campamento interxeneracional. De momento, só sei que será en decembro pero non temos unha data concreta. Temos que rematar un moi interesante traballo que consiste en poñer texto a unha serie de debuxos que fixeron os nenos deste campamento interxeneracional.