A Xacobe Pérez Paz coñéceno en boa parte de Galiza polo programa Bo proveito, con Xacobe que protagonizou ao longo de moitos meses na TVG. «Visitamos 458 cociñas co programa, pero non estaría de máis facer unha segunda parte deste programa xa que nos quedan moitas por visitar. Fixemos un percorrido dende Ribadeo ata Oia e de Fisterra a Allariz e digo que temos a mellor materia prima e os mellores cociñeiros nesta nosa terra. Con este programa puiden descubrir as riquezas das nosas xentes e o que saben facer nos fogóns. Os verdadeiros protagonistas do espazo televisivo foron os cociñeiros e cociñeiras cos que fomos atopando e que amosaron ante as cámaras a súa sabedoría, que é moita», salientou Pérez. Un programa televisivo que lle valeu un premio no Álvaro Cunqueiro que convoca o Concello de Lalín con motivo da Feira do Cocido.