O club elaborará o proxecto e o Concello encargaráse da súa redacción De Bessa asegura que «neste mes o acordo co Fisco vai quedar resolto, para ben ou para mal»
04 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.? presidente do Club Deportivo Lalín, Amandio De Bessa, anunciou onte que a súa directiva elaborará esta fin de semana un plan de viabilidade para presentarllo a Facenda como base para a negociación do pago da débeda da entidade roxinegra. Deste xeito, o C.D. Lalín cumprirá co primeiro requisito do Fisco, que antes de sentarse a falar dun posible acordo quere comprobar o grado de implicación e a capacidade de De Bessa e compañía no tocante ao seneamento das arcas do club. A fin de presentar un documento sólido, o presidente roxinegro solicitoulle ao concelleiro de Deportes, Ramiro Ruibal, a axuda do Concello neste asunto. A resposta foi afirmativa. O plan de viabilidade será así elaborado pola directiva do C.D. Lalín, pero redactado por persoal municipal con coñecementos de contabilidade, que comezará a traballar no documento a partir do luns tras recibir os datos correspondentes da sociedade deportiva. Amandio De Bessa adoptou a medida logo de contactar onte vía telefónica coa Delegación Provincial de Facenda por mediación de Ramiro Ruibal. O máximo responsable do C.D. Lalín quixo agradecer a colaboración do edil, e asegurou que «neste mes o acordo con Facenda vai quedar resolto, para ben ou para mal». Haberá que ver se é así, e se pola razón que sexa, non acontece como co anterior anuncio do propio De Bessa, que en setembro sinalaba a primeira quincena de outubro como data da resolución do conflicto co ente estatal. Polo de pronto «onte non nos comunicaron desde Facenda a data da reunión», dixo o mandatario lalinense. Nun arrebato de euforia, De Bessa salientou como algo digno de mención especial que o C.D. Lalín «ten diñeiro para tódolos pagos ata o mes de xaneiro, algo que conseguimos só co cobro de carnés de socios e a publicidade». Dúas partidas que, asegura, seguen abertas. Por outro lado, o presidente comunicou que a súa directiva acordou que «sexa eu o encargado de falar coa prensa», restrinxíndolle as manifestacións públicas ao vicepresidente primeiro do club, o Peixeiro de Cirela. Este «só poderá falar coa prensa previa consulta co resto da directiva, e de asuntos confirmados». Preguntado sobre este acordo, o Peixeiro eludíu falar onte del, remitíndose ao que dixera Amandio. No apartado puramente deportivo, o equipo xuvenil do C.D. Lalín visita esta tarde o campo coruñés de Elviña para medirse ao Victoria, quinto clasificado do seu grupo. Faráo coas baixas de Cano, Javi Quinteiro e Iñaki.