Análise | O Portadeza mídese nunha semana a tres rivais do fondo da táboa Os de Couso inician mañá en León un marathón ligueiro que continuará o martes cun desprazamento a Ribeira, e rematará o vindeiro sábado coa visita do Xiria a Lalín
28 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.O Portadeza Lalín prepárase para encarar unha longa semana de competición, con tres partidos en sete días e unha oportunidade única para asentar a base dun sólido liderato. Fronte aos 4 puntos aos que poden aspirar os seus rivais, o equipo dezao traballará desde mañá e ata o vindeiro sábado por un botín de 6 puntos que valen o seu peso en ouro. E é que ademais de asegurarlles o primeiro posto na clasificación aos de Couso, as tres hipotéticas victorias antóllanse vitais para afrontar con maior tranquilidade os seis complicados compromisos que agardan o Portadeza Lalín no final da primeira volta. Nun momento de forma practicamente inmellorable, o conxunto roxinegro parte como claro favorito nas tres citas que ten por diante nesta atípica semana. A de mañá (13.00 horas) semella sobre o papel a máis complicada das tres. Unha visita o Universidad de León Ademar, filial do equipo Asobal, que tras encadear tres derrotas e un empate, acadou a súa primeira victoria da tempada o pasado sábado, na cancha do Sa-Fa, na que foi a sorpresa da quinta xornada de Liga. Quinto pola cola, o Ademar B encabeza a zona media-baixa da clasificación. Nin 48 horas despois, o Portadeza desprazaráse novamente para medirse o martes (11.30 horas) o Ribeira. Será o colofón á polémica suscitada entre ambos equipos polas maneiras do club coruñés á hora de conseguir o aprazamento dun encontro previsto para a xornada 4, fichaxe de Carlos Aller a parte. O Ribeira non debera ser rival para os lalinenses. Con catro derrotas noutros tantos partidos, só o Xiria asina un peor rexistro neste inicio de Liga (0 puntos en cinco encontros). O conxunto carballés pechará a axenda roxinegra dos vindeiros sete días. O cansancio acumulado, atenuante para calquera outro equipo, non serviría esta semana de excusa para o menor pinchazo dun Portadeza cunha condición física a anos luz da dos seus rivais.