Reportaxe | Aniversario do Tenis de Mesa Lalín O club dezao chega ao seu décimo ano de vida con tres equipos en competición, 17 xogadores federados e disposto a seguir cumplindo anos e colleitando éxitos
19 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.O pasado luns o Tenis de Mesa Lalín cumpliu o seu décimo aniversario. O club chega á década de vida con tres equipos en competición e disposto a darlle a volta aos resultados colleitados nas primeiras xornadas do presente campionato. As arredor de quince persoas coas que o club dezao botou a andar foron incrementándose algunhas tempadas, e diminuíndo outras. Os compromisos profesionais ou os estudios dos seus integrantes obrigaron ao club a facer un parón na súa participación nas competicións, pero superada esta paréntese, o Tenis de Mesa Lalín rexurdiu. Na actualidade o club conta con 17 xogadores federados e 25 practicantes, adestrados por José Domínguez e Manuel Fernández. Ao longo da súa década de vida, o Tenis de Mesa Lalín colleitou diversos éxitos, pero sen dúbida o máis dóce para os seus integrantes foi o ascenso do primeiro equipo á Segunda categoría Nacional na tempada 2002-2003, un obxectivo que para os responsables da entidade se aventuraba impensable, pero que grazas ao esforzo e ás horas de adestramento, se logrou acadar. O buque insignia do tenis de mesa lalinense é o equipo que milita en Segunda Nacional, e que compoñen cinco deportistas. Logo de varias tempadas na categoría, o obxectivo segue a ser o mesmo: a permanencia. Idéntica meta teñen por diante os cinco compoñentes (alevíns, infantís e xuvenís) do equipo que compite en Primeira Galega, o Escola Lalín. Foguearse e coñecer de preto a dinámica da competición son os obxectivos dos sete integrantes do conxunto de Segunda Galega, o Promesas Lalín. Aínda que ata agora os resultados non acompañaron demasiado ao Tenis de Mesa Lalín, o club espera ir mellorando ao tempo que avanza a tempada de competición. Non contar cun número moi amplo de xogadores, mantén ao equipo nun impasse, aínda que a continuidade de preto dunha decea de rapaces na Escola municipal de tenis de mesa -que comezará a tempada o mañá da man de Manuel Fernández-, aventura novos tempos para o club. Á espera de que a familia do tenis de mesa se amplie, o club aspira a cumplir moitos anos máis.