Descubrindo Deza

ROCHI

DEZA

A BALADA DO CANDÁN | O |

24 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

A SEMANA pasada estiven na presentación anual da publicación do Seminario de Estudios do Deza, a revista Descubrindo, en Lalín. Xunto coa Miscelánea Histórica e Cultural do Museo Reimóndez Portela de A Estrada e a máis modesta Cotaredo de Forcarei, que eu mesmo fundei no ano 1998, forma un triángulo de publicacións que falan moito da actividade que se xera en torno á cultura, ó coñecemento e, sobre todo, á divulgación dos dous, que se acometen nas tres comarcas. Non é doado, falo por propia experiencia, coordinar publicacións locais coma estas, nas que moita xente ten posto un certo amor e profundas miras (a todos nos tira o que arrodea ó noso territorio vivencial), baseadas na nostalxia e na afección por saber o que fomos e cara a onde camiñamos como colectividade. En contraprestación, tamén dá profundas satisfaccións cando alguén se ve reflectido nesa intención que temos os responsables da publicación de retratar a sociedade local. Non é nada novo que a todos nos gusta o vello, o que deixa pouso e pegada, o que nos vai marcando a historia. Estas publicacións son, antes ca nada, unha fiestra ó pasado. Do futuro non podemos falar, a risco de que nos consideren fabuladores ou meros émulos de Rappel, e do presente non cómpre falar, porque xa cada un ten a súa visión activa. Por eso falamos do pasado, da historia, porque como ben dixo Pérez Reverte, é imposible entender o que somos sen coñecer o que fomos, ou como pensaba Cicerón, non saber o que pasou antes de nós é coma seguir sendo nenos. O pasado é case un fin para os nostálxicos, pero tamén é unha ferramenta para analizar con criterio o que hoxe significamos no mundo que nos arrodea. Por iso quero felicitar a Román Rodríguez e a tódolos colaboradores de Descubrindo un ano máis, por levar ese pasado á veciñanza dun xeito que o fai atractivo. Temos unha misión: entrar en cada fogar e levar coas nosas publicacións un sopro de historia, outro de etnografía, outro de xeografía, outro de literatura e outro de fotografía. E todos xuntos conformando un anaquiño de coñecemento para cultivar as mentes que o demandan, a quen hai que agradecer que o demanden, nun presente no que a cultura chama as portas e recibe poucas contestacións. Rochi@terra.es