A BALADA DO CANDÁN | O |
13 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.O VINDEIRO sábado 20 de agosto terá lugar en Soutelo de Montes a celebración da XXVI Festa do Gaiteiro. Ademáis de contar coa actuación do grupo Berrogüetto para pechar esta edición, nun concerto que terá lugar ás 23:00 horas, dará continuidade a unha rolada de edicións que, nos derradeiros anos, soubo consolidar esta xornada de enxalzamento da figura dun dos nosos homes de prol, que foi quen de renunciar xenerosamente ó seu propio apelido para levar con el o «de Soutelo» que o consagrou en todo o mundo. Avelino foi home artista e emprendedor, seguindo o exemplo que nesta nosa Terra de Montes inzou en tempos nada doados. Os empresarios que aquí foron sementando futuro non se contaban cos dedos da man, e en ultramar deixaron fonda pegada e sona de xente honesta. Avelino, amais de artista, foi tamén empresario -fundou unha funeraria, un salón de baile, unha das primeiras estacións de gasolina de toda Galicia e un cine-, e deixou constancia do seu tesón no mundo dos negocios como antes o deixara no mundo da arte. Pero a festa que se lle dedica o día 20 non é pola súa calidade de empresario, senón pola de artista sen parangón dentro do eido da música tradicional de principios do século XX. Nesta edición lerá o pregón Mariano Rajoy, un home que aínda garda certa pegada dos ancestros no lugar onde naceron os seus avós e pais, en San Xusto de Trasdomonte. As medallas do Gaiteiro serán entregadas a Carlos Núñez e a Milladoiro. A presenza de tales homes sérvenos para acreditar a vixencia do legado de Avelino e o seu incontestable testemuño coma pioneiro da nosa música. A inmellorable saúde que goza o espírito do Gaiteiro de Soutelo é posible grazas ó esforzo das xentes de Soutelo e do Concello de Forcarei, que poñen en marcha unha meritoria organización encargada de que as cousas funcionen ó minuto e que esa xornada ninguén se sinta alleo na terra do Gaiteiro. Longa vida a esta festa, referente onde as haxa na nosa música tradicional, e felicitacións a quen ano tras ano sabe e quere manter viva a chama do Gaiteiro de Soutelo. Rochi@terra.es