O festival Cutre-Rock e a obra de Teatro Nados cáense do programa

La Voz

DEZA

03 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

O programa da XXI Algarabía, que encherá as rúas de Lalín o vindeiro fin de semana, semella estar xa perfilado de xeito definitivo. Respecto aos actos previstos, vai haber varias novidades, entre elas a suspensión do Festival Cutre-Rock debido a que dous dos grupos que tiñan previsto asistir teñen compromisos ineludibles de última hora. A celebración ademáis nestes días do curso de percusión e os diversos actos culturais programados e coincidentes coa Algarabía fixeron desistir tamén aos integrantes do Naranxo da idea de seguir adiante coa obra que Teatro Nados tiña previsto interpretar, e que se pasará a outro día. O mesmo ocorre co acto final de Palabra e poesía, que se suspende e que tamén se trasladará a outra data. Polo demáis, o programa para o sábado e o domingo mantén o previsto. Desta volta o campionato de pañuelo enfrontará a O Naranxo contra a selección Clero e Católicos. Nesta edición a Algarabía recupera tamén a exposición no parque na que todos os interesados poden participar. Talleres, música e diversos actos lúdicos encherán os dous días de Algarabía.