A súa compañeira Alba Rubial foi cuarta nos 100 libres e fixo récord galego Émerson Ramírez calificou de excelente a actuación dos seus pupilos na xornada inaugural
28 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.Os rapaces do Lalín Olimpia comezaron onte con forza en Barcelona os Campionatos de España de Natación en categorías G3 e G4. E cumprindo cos pronósticos do seu adestrador, Mónica Trujillo e Alba Rubial lideraron o equipo dezao. A primeira conseguíu unha xesta ao alcance de poucos, e especialmente meritoria nunha rapaza dun club modesto como o Lalín Olimpia. Mónica colgouse o bronce nos 100 metros bolboreta para rapazas nacidas en 1990. O seu crono, 1.07.26, é ademais desde onte a súa mellor marca persoal. Brillante foi tamén o cuarto posto de Alba Rubial nos 100 metros libres entre as nadadoras nacidas en 1991. A só oito décimas do bronce, Alba rematou a proba establecendo un novo récord galego da especialidade e categoría tras cubrir a distancia en 1.02.14. O resto dos resultados do día dos nadadores do Lalín Olimpia foron os seguintes: Iván Lobelle (ano 1989), 8º nos 100 metros libres (55.55) e 9º nos 50 costas (30.64); Marcos Fernández (1991), 11º nos 400 estilos (5.16.90); Daniel Fernández (1990), 14º nos 400 estilos (5.08.65); e Alba Ramos (1991), 21ª nos 400 estilos (5.35.45). O adestrador do equipo dezao, Émerson Ramírez, calificou o papel dos seus pupilos na xornada inaugural de «excelente». Agora haberá que ver se conseguen manter esta liña hoxe, na segunda xornada. Mónica nada os 50 bolboreta, Daniel Fernández os 1.500 libres, e o resto dos seus compañeiros os 200 metros costas.