Baile e música tradicional en vivo e en directo, en Bandeira

Amelia Ferreiroa lalín

DEZA

MARCOS MÍGUEZ

En dos minutos | Festival Infantil Xirandola O acto, previsto para este sábado, reunirá a cinco coñecidos grupos folclóricos galegos

18 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

A cita anual das seccións infantis e xuvenis de Xirandola co seu público más fiel, o da casa, está a piques de chegar. Será este sábado, 21 de maio, no Auditorio Manuel do Pazo. «Razón de máis aínda, se cabe, para ver aos rapaces de Xirandola e dos outros grupos convidados nun sitio no que o son mellorará moito respecto a edicións anteriores. Logo, os rapaces xa teñen un ano máis de experiencia á hora de bailar, gañaron confianza e iso nótase. É un festival que é do mellorciño», puntualiza un dos membros do grupo dos maiores de Xirandola; Javier Blanco. Catro formacións convidadas asistirán ao evento. Trátase da Escola de Danzas Queixumes dos Pinos, de Ourense; Asociación Folclórica Castelo, de Melide; Trazantes de Tenorio, de Cotobade; e Xente Xoven, de Cangas do Morrazo. «Son todos grupos coñecidos que contan cunha ampla traxectoria no mundo do folclore galego», comentou. Un oitavo Festival Infantil de Baile Tradicional Xirandola no que se subirán ao escenario catro grupos da formación local e anfitriona. «Sairán os máis pequechos, que teñen tres e catro anos, os moziños e os que están a piques de dar o salto o grupo dos maiores, con idades que se aproximan os dezanove, vinte anos. Todas as persoas que se acheguen ao festival este sábado poderán comprobar que todos os rapaces dos catro grupos gañaron en tablas e soltura. Iso adquírise con traballo e nun ano xa se ven eses froitos».