Praca en Lalín na rúa Principal

La Voz

DEZA

A rúa do vento O BNG realizou unha colocación simbólica coa que reivindican a renovación dun rueiro que conserva nomes franquistas, e noutros casos emprega letras e números

17 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

O BNG celebrou onte, como vén sendo xa tradicional no Día das Letras Galegas, un acto reivindicativo para reclamar do goberno local cambios nun rueiro no que se poden rastrexar, 25 anos despois da chegada de democracia ás corporacións locais, nomes franquistas como Calvo Sotelo, José Antonio e General Franco. Precisamente no oco da praca desta última, o BNG colocou unha praca en papel co nome de Rúa Principal. Para o ano, en pedra O portavoz nacionalista, Francisco Vilariño, sinalou que de non mudarse estes nomes «para o ano colocaremos unha praca de pedra». Vilariño sinalou tamén a necesidade de cambiar as rúas denominadas con letras e números. O BNG aludiu á comisión do rueiro, e á súa paralización unilateral por parte do PP: referiuse a incumprimentos reiterados na súa convocatoria. Sinais e normalizador Dende o BNG, e no Día das Letras Galegas, tamén se demandou que nos carteis indicadores se cumpra a Lei de Normalización Lingüística e desaparezan nomes como «Orense» e mesmo «Villatuje». Reclamaron tamén un normalizador lingüístico. Farolas bamboleantes en Lalín O parque da Praza da Vila, en Lalín, ten nos últimos meses un perigoso elemento de ornato: farolas bamboleantes que fan que os pais dos nenos que acoden aos columpios vexan os xogos dos cativos con preocupación. Nalgún caso xa se retirou o cristal superior que alberga a lámpara, pero outras teñen un preocupante bamboleo, co que dá a impresión de que un vento forte pode rematar. Tamén noutros puntos, como na rúa Calvo Garra, aparecen algunhas farolas descoidadas, cos cables de corrente ao descuberto. A tapa que os cubría está apoiada a carón da farola, pero sen colocar, co risco que supón esta situación como consecuencia. Xornada de portas abertas no museo de Lalín Lalín celebra hoxe o Día Mundial dos museos cunha xornada de portas abertas no museo municipal Ramón María Aller. A actividade comezará ás 9 horas, nunha instalación que está a acoller, ata o vindeiro día 3 de xuño, a mostra das 44 obras seleccionadas na séptima edición da bienal Pintor Laxeiro. Unha xornada idónea, ademais, para que os lalinenses visiten as instalacións da antiga casa do astrónomo lalinense trala súa recente remodelación.