A gran cita do deporte escolar galego conclúe hoxe coas finais e a entrega de trofeos de 20 especialidades
14 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.?oa colaboración do mal tempo e o magnífico refuxio que nestes casos ofrece o recinto da Feira Internacional de Galicia en Silleda, a Olimpiada Escolar confirmou onte as previsións de participación do seu organizador, a Dirección Xeral para o Deporte da Xunta. Os responsables do evento calcularon nunhas 10.000 o número de persoas que pisaron onte as instalacións trasdezás ao longo do día, o que descontando os deportistas, responsables federativos, árbitros e membros da organización deixa nuns 5.000 o número de familiares e demais afeccionados interesados en presenciar o espectáculo que é a Olimpiada Escolar. A xornada comezou ás nove da mañá cos primeiros partidos da Copa Galicia Benxamín, Alevín, Infantil e Xuvenil de Karate, e do Campionato Galego Infantil e Cadete de Iudo, rematando a última hora da tarde coa celebración do Campionato Infantil, Júnior e Sénior de Billar Pool. Polo medio, concretamente ao mediodía, o director xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, oficiou un acto de benvida aos 3.800 rapaces que toman parte na Olimpiada Escolar, no que subliñou que «o deporte é, máis alá da competitividade, un xerador de valores e principios como a deportividade e o rexeitamento de toda forma de violencia», así como «un hábito de vida saudable». No acto ceibáronse medio milleiro de pombas como símbolo do espírito de confraternidade e convivencia que se atopa na orixe da Olimpiada. Subcampión estradense A terceira xornada de competición pon hoxe punto e final ao campionato de campionatos autonómico. Os que se decidan a pasar polo recinto da Feira Internacional de Galicia poderán disfrutar do desenlace de 20 das 24 modalidades en lid. As outras catro, o iudo, o karate, o tiro pneumático e o duathlón, remataron onte. Nesta última especialidade, con protagonismo estradense, con Cristóbal Dios subcampión galego infantil e Óscar González cuarto na mesma clasificación final. Por outro lado, o ciclo de conferencias e coloquios Sportgalia 2005 conclúe esta mañá, ás 11.00, co debate Deporte Institucional.