Crónica | Cita histórica do balonmán xuvenil O presidente do clube lalinense, Nicolás Varela, pediu onte durante a presentación do sector, que o pobo apoie o torneo e aos rapaces que adestra Félix Mojón
27 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.Onte presentouse na sede do Clube Balonmán Portadeza Lalín a fase zonal do Campionato Estatal xuvenil na que competirá o clube local, e que comezará mañá venres. Nicolás Varela, presidente do Clube, e David Carbón, un dos adestradores, foron os responsables de dar a coñecer os conxuntos participantes, os horarios e as plantillas dos equipos. O asturiano C.D. Balonmano Corvera, C.B. Casi La Cañada de Andalucía e Ademar León, de Castilla y León, serán os rivais do Portadeza nesta cita única do balonmán xuvenil lalinense. Cita histórica A designación de Lalín como sede dos encontros do sector «A» da fase, recibiuse no clube como «un feito histórico. É a primeira vez que se xoga a fase na casa, e Lalín ten que volcarse con esta celebración» comentou o presidente do Portadeza. A coincidencia da fase xuvenil co sector que desputará o primeiro conxunto en Pamplona «non pode permitir que o torneo que teremos en Lalín quede solapado. A entrada para os partidos será libre, e todo o pobo está invitado», lembrou Varela. A calidade dos equipos participantes, e a dos xogadores, está xa garantida de antemán. «Podemos ter por seguro que neste torneo veremos a futuros xogadores de Asobal», sentenciou o presidentes do Portadeza. No que se refire a favoritos, nada está garantido. «Obviamente o Ademar é o equipo máis forte, tanto por nome como por historial, pero todos os conxutnos que participan teñen potencial e poden facer un gran torneo», lembrou David Carbón. Todo ultimado A tan só un día para o comezo do torneo, a directiva do Portadeza xa ten todo listo para a cita histórica. Mañá ás 16.30 celebraráse a reunión técnica cos responsables dos 4 equipos, as 3 parellas arbitrais e o delegado da Federación Española, e ás 18.30 comezará o primeiro encontro: Ademar-Corvera. O turno do Portadeza chegará ás 20.30 co seu enfrontamento ao Casi La Cañada. O domingo, último día de competición, terá lugar a entrega de trofeos. Os ex xogadores lalinenses da Liga Asobal, Manolo Pedreira e Eugenio Enríquez, serán os encargados, xunto co concellal de deportes de Lalín Ramiro Ruibal, de otorgar os galardóns aos conxuntos participantes.