O Acuático Umia prepara ás bases do clube nas distintas disciplinas que compoñen a proba acuática. A partir de mañá a piscina deixa paso á praia
13 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.O mundo acuático abre ó deporte un amplo abano de posibilidades máis aló da popular natación. Deixando a un lado imaxes televisivas, unha desas opcións é o salvamento. Buceo, natación e rescate mistúranse no deporte que protagoniza as actividades do Clube Acuático Umia. Rapaces da Estrada, Cuntis, Campo Lameiro e Moraña sumérxense varias veces á semana na piscina estradense e na de Caldas para adicarlle tempo ás distintas modalidades que compoñen a disciplina. «En salvamento os rapaces poden desfrutar da parte máis divertida da natación, pero cun nivel de esixencia non tan alto. Ó contar tamén con partes de buceo e rescate, resulta máis variado», comenta Xavi Calvo, un dos responsables do Clube. Dende o ano 98, nenos de máis de 10 anos achéganse ás piscinas do Clube Acuático Umia na procura de novos alicientes no mundo da natación. Probas de rescate de maniquíes, rescate con aletas e carreiras combinadas forman parte das competicións de salvamento que se desputan tanto en augas pechadas como en abertas. Entrenamento na praia Un espacio de entrenamento sen igual é o que teñen os preto de 40 rapaces que forman as bases do Acuático Umia tan pronto chegan os primeiros raios de sol. Dende mañá mesmo, as piscinas da Estrada e Caldas deixarán paso ó entrenamento en praia, sen dúbida, un aliciente máis para a práctica do salvamento.