A Escola Deportiva Municipal de Ximnasia da Estrada instrúe a 42 rapaces nas distintas modalidades da disciplina
30 mar 2005 . Actualizado a las 07:00 h.Hai xa catro anos que a Escola Municipal de Ximnasia da Estrada comezou a súa andaina. Neste tempo arredor de 80 rapaces e rapazas puxéronse baixo as ordes de Sofía Mosteiro, monitora de ximnasia e ex competidora en Suíza, para converterse en futuros Gervasios Deferr. Dende pequenos de 5 anos ata un rapaz de 20 compoñen o grupo de 42 deportistas que dan os seus primeiros pasos na ximnasia na comarca de Tabeirós- Montes. Lonxe da maioría abafante de mulleres que copaban a disciplina hai algúns anos, son cada vez máis os nenos estradenses que se achegan á práctica da ximnasia deportiva. «Cada vez hai máis rapaces que optan por practicar a ximnasia, ademáis eles soen ser máis fieis á disciplina cás rapazas» afirma Mosteiro. A pesares de que a meirande parte dos inscritos na Escola se achegan a este deporte por diversión e tómamo como unha actividade máis, arredor dunha decea de inscritos estarían en condicións de converterse en futuras promesas. «Que un rapaz poida adicarse máis en serio á ximnasia non depende normalmente do adestrador. Os pais son esenciais para que un neno poida ter futuro na práctica desta disciplina deportiva». Aínda que, como Escola Deportiva, os discípulos de Mosteiro non participan en competición, sí realizan varias exhibicións ó longo do ano. Do chan ás paralelas Dende a voltereta máis simple ata complicados exercicios sobre a barra de equilibrios teñen o seu oco no entrenamento semanal que seguen os alumnos da Escola Municipal. Para evitar desfases innecesarios, os rapaces de Sofía Mosteiro están divididos en grupos prácticos dispostos segundo o nivel de execución do que os nenos son quen. «Non se pode traballar por idades porque na ximnasia pode haber un neno de 5 anos que sexa máis capaz ca un de 10». Os exercicios de chan combinado con potro son os primeiros pasos dos ximnastas estradenses. Barra fixa e asimétricas completan as posibilidades femininas namentras os rapaces poden practicar en paralelas e anillas. Aínda que a ximnasia deportiva poida parecer unha disciplina reservada a nenos de certa idade, na práctica «o traballo con nenos de tres anos permite realizar exercicios de psicomotricidade que traslocen xa as capacidades ximnásticas dalgúns deles», comenta Sofía Mosteiro.