Mónica Trujillo, Daniel Fernández e Iván Lobelle compiten desde mañá en Sabadell A rapaza e a súa compañeira Alba Rubial concentraránse con Galicia na Semana Santa
08 mar 2005 . Actualizado a las 06:00 h.? localidade catalana de Sabadell acolle desde mañá e ata o domingo o Campinato de España de Natación G-4. Isto é, para rapaces nados entre 1988 e 1989, e rapazas ata 1990. O Club Natación Lalín Olimpia conseguíu clasificar a tres dos seus rapaces: Mónica Trujillo, Daniel Fernández e Iván Lobelle. A primera será a que máis entre en acción estes días, ao competir nas modalidades de 50, 100 e 200 metros bolboreta. Iván Lobelle faráo en 100 e 200 costas e Daniel Fernández en 1.500 metros libres. Os tres tiñan previsto partir hoxe pola tarde, ás 13.45 horas, do aeroporto compostelán de Labacolla acompañados polo seu adestrador, Émerson Ramírez. A súa participación nunha cita nacional é xa todo un éxito e, á vez, o premio ao duro traballo realizado diariamente polos rapaces. A calidade da canteira do C.N. Lalín Olimpia voltou a quedar patente na última convocatoria do Plan de Tecnificación da Federación Galega de Natación. Alba Rubial e a propia Mónica Trujillo forman parte da lista de 17 nadadores de toda a Comunidade que participarán na concentración dos vindeiros 21, 22 e 23 de marzo na localidade luguesa de Cervo. O obxectivo da mesma é proporcionarlles aos nenos, nacidos entre 1989 e 1991, un primeiro contacto coa piscina longa de cara aos campionatos de verán. O adestrador do Olimpia, Émerson Ramírez, será un dos tres técnicos encargados de supervisar o traballo da concentración.