O Concello proporá á Xunta ámbitos de colaboración para avanzar nos usos do idioma galego
DEZA
? Concello de Santiago fará unha proposta á Dirección Xeral de Política Lingüística sobre os ámbitos en que poden colaborar as duas administracións coa finalidade de gañar máis usos para o idioma galego. Esta foi a principal conclusión do encontro que tiveron onte o relator municipal de política lingüística, Manuel Portas, e máis o director xeral, Pablo González Moreiras. Portas puxo en destaque ao finalizar a reunión a boa receptividade por parte do director xeral, quen se comprometeu a comunicar as propostas do Concello de Compostela ás diferentes comisións que elaboraron o plano de normalización lingüística da Xunta, e que se ocuparán da súa implantación, para que as teñan en conta. Desde Raxoi comunicarán esas propostas por escrito a San Caetano en breve. Portas adiantou a esta Redacción que incidirán en cuestións respeitantes á mocidade, ao ensino, ao deporte, ao comercio ou ao proprio uso administrativo, entre outros, que son ámbitos en que leva traballado os últimos anos a cámara municipal da cidade. No diálogo entre Portas e González Moreiras tamén se valorizou a posibilidade de que certas experiencias xa realizadas ou en andamento en diferentes sectores de Santiago sirvan tamén para o plano autonómico, e que este se beneficie delas. O Concello de Compostela tinha especial interese en contactar coa Xunta co fin de de xuntar esforzos dos dous planos de normalización, o local, que foi pioneiro no país, pois foi aprobado e está en aplicación hai xa algún tempo, e máis o que recentemente impulsou a Xunta. Manuel Portas considera moi positivo o encontro de onte co director xeral.