?índa que serán dez as xornadas de Liga que lle queden por diante tralo partido de hoxe, o certo é que a visita do Escuela de Fútbol Mareo a A Estrada (A Baiuca, 12.00 horas) pode marcar un antes e un despois na loita do Val do Ulla pola permanencia na Primeira División Nacional de Fútbol Feminino. Primeiro, porque deixaría as rapazas de José Ramón Fachal a tan só 1 punto do seu rival, agora mesmo tres postos por riba. E segundo, porque lle permitiría ampliar a vantaxe sobre os seus inmediatos perseguidores na táboa, o Casa Social Católica e o Oviedo, que hoxe se enfrontan entre si. Son estas circunstancias as que alimentaron durante toda a semana a moral do plantel do Val do Ulla, xa de por si elevada tras puntuar no difícil campo do Aguiño hai sete días. O feito de perder por un escaso 1-0 na ida, nun mal partido estradense e mercede a un erro defensivo, facía pensar onte ao adestrador local que a victoria é esta mañá máis cá posible no campo da Baiuca.