Vida e xustiza

ROCHI

DEZA

A BALADA DO CANDÁN | O |

16 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

CADA VEZ complícase máis a vida (esa zorra de la vida, como acostumaba a chamala Dámaso Alonso). Tódolos días aparecen traxedias nos xornais. Agora, sería noticia que un día non houbera mortes tráxicas nos noticiarios. Coido que hai algo peor ca que os asasinatos sexan a noticia, e é que deixen de selo (por nos acostumar a eles). Hai quen se suicida en defensa propia, para non ter que seguir cheirando os efluvios deste mundo podre. Dicía Charles Chaplin, na película «Monsieur Verdoux» que «por un asasinato es un vilán, por miles un heroe. Os números santifican». Lenin, un personaxe bastante similar ó de Verdoux (réplica de Landrú) polo que respecta á moral, pensaba de xeito distinto: «A morte de un millón de persoas é unha estatística, a de unha soa é unha traxedia». A traxedia cotiá sófrena só aqueles ós que lles toca sufrila. Os demais son espectadores, máis ou menos implicados, pero ata que a un lle toca de preto non sabe -non toca realmente-, ese mundo triste e tenebroso que é a morte (que non lembro quen definía como a penetración da nada na materia). Supoño que a culpa será un pouco de toda a sociedade, pero hai quen ten que petar máis forte ca outros no peito. Por exemplo, os lexisladores e os xuíces. Eles son responsables da inmobilidade que nos asusta máis que a propia páxina de sucesos. Si, a inmobilidade da xustiza para afrontar (é dicir, ollar de fronte) este problema que nos mata (literalmente). Non podemos asistir impertérritos a esta realidade mortal a contagotas. Xa se iniciou unha aposta pola mobilidade no tema do tráfico, o cal nos parece (creo) ben á maioría. Agora falta reaccionar a esa realidade tráxica que día a día se cobra tamén un sinnúmero de mortes e feridas das que non cicatrizan. Un exemplo de incoherencia: ¿Por que o alcohol actúa como agravante nos delictos de tráfico e como atenuante cando un cónxuxe mata ó outro, alegando que estaba bébedo e non sabía o que facía? A ver se a sociedade se acostuma a ser máis xusta, máis ca nada por aquelo que argumentaba Montesquieu, alguén que aínda sabía un pouco de leis: «Un pobo defende máis os seus costumes que as súas leis». Acostumémonos á lei. Rochi@forcarei.net