«Hai opcións de acadar o ascenso»

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo LALÍN

DEZA

Entrevista | Xosé Couso

23 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

? Portadeza levantará mañá (19.00 horas) o telón da Liga cunha visita do Cisne ao Pavillón Municipal de Lalín. O bo rendemento do equipo roxinegro no final da pasada Liga e a fichaxe do esloveno Nuhanovic dispararon a euforia no entorno do club local. Xosé Couso asúmeo e confía en respostar ás altas expectativas xeradas. O ascenso volta ao vocabulario do club. -Tempada nova, ¿vida nova? -Eso soa ben. A ver se a nova tempada trae resultados positivos. Eso é o que agardamos. -O equipo experimentou unha notable mellora na segunda volta da pasada Liga. ¿Que cambios veremos neste inicio de campaña? -Máis cá cambios verase unha continuidade. Na segunda volta da última Liga melloramos considerablemente. Agora deberamos comezar a competición como rematamos a anterior, cunha alta competitividade e cun balonmán agresivo. Debemos manter o bo do ano pasado. -¿Que vai ofrecerlles este ano o Portadeza Lalín aos seus afeccionados para animalos a que volten a encher as bancadas do municipal como antaño? -O ano pasado víuse en Lalín un balonmán máis fluído que lle deu máis beleza ao xogo. Melloramos en ataque, as individualidades fóronse sometendo cada vez máis ao xogo colectivo e a xente entrégase cada vez máis na defensa. Seguindo este camiño temos que conseguir que a xente se sinta indentificada co equipo. Cando os afeccionados ven que o Portadeza cae na desidia perden interese. No tema da asistencia tamén entra a caída de espectadores nos distintos deportes locais que se está a vivir en todos lados nos últimos anos. Fronte a isto nós o que podemos facer é ofrecer un balonmán espectacular, rápido e fluído. Iso é o que imos tratar de darlle ao afeccionado. -Anunciar o ascenso como obxectivo é sen dúbida un gran cartel publicitario. A directiva asumíu o reto ¿Que lle parece a vostede? -É un reto ambicioso. Posibilidades de conquistalo hai. Pero os adestradores somos por norma máis realistas e queremos ver as nosas opcións no campeonato paso a paso. Non quero facer ningún tipo de alarde antes de ver os rivais da Liga. Estou contento co traballo que levamos feito na pretempada. Temos un equipo competitivo, e se seguimos ao noso nivel, sobre todo no que se refire á concentración, somos un candidato ao ascenso. -Por coste e currículo, Nuhanovic debe ser o líder do plantel, pero durante a pretempada non foi así. -É un xogador novo. Supoño que saír do seu país lle afectou. Vivíu un período de adaptación, e contamos que a partir de agora dea o bo rendemento que agardamos del. Por riba tivo a mala sorte de sufrir un forte esguince ante o Teucro. Levaba quince días parado, comezou a adestrarse esta semana e aínda é dúbida para o partido co Cisne. Se non está, o resto do plantel está perfectamente preparado para afrontar con garantías o debut de Liga. -¿E cando estará o esloveno ao cento por cento da súa capacidade? -En canto comece a adestrarse con completa normalidade, en dúas semanas debera rendir a tope. Do contrario, mal asunto. Nuhanovic vén a darlle moito ao club, para iso se fichou. -¿Arrepíntese de ter prescindido de Carlos Aller? -Tomei a decisión en base a unha serie de cuestións e o tempo dirá. O que teño claro é que ningún xogador é imprescindible. -Fálenos dos rivais. -Hai tres conxuntos que van estar moi fortes, o Naranco de Oviedo e o Novás, recén descendidos, e o Bueu, que non podemos esquecer xogou a última fase de ascenso e mantén practicamente todo o seu plantel. Pero en xeral nesta Liga vai ser difícil gañar calquera partido. Non sei se será máis forte, pero o que non é o noso grupo é máis feble cá tempada pasada.