O SOL | O |
10 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.ONTE FOI O gran día. Esperado con ansia por uns, temido como se do propio demo se tratase, por outros. Coa chegada de setembro, xa se sabe que toca apurar os últimos días de vacacións, e que o tempo pasa voando. Faise tan curta a espera, que, sen darnos case conta, onte tocou voltar ao colexio. Máis de 4.300 nenos de Deza e Tabeirós visitaron de novo as aulas esquecidas dende hai tres meses, e, como en botica, houbo de todo. Uns encantadísimos da vida porque voltaban ver ós colegas, outros a berro limpio porque era o primeiro día que pisaban un colexio. Os que peor o teñen que pasar son, sen dúbida, os máis pequerrechos. Pais, nais, avós, tíos e demáis familia, levan tres anos falándolle dunha cousa que se chama colexio e que se supón que vai ser moi divertida. Sen embargo, cando toca castigo, tamén o ameazan con «cando vaias á escola xa verás como alí te portas ben». Para tolear ó pobre neno. Que se o vas pasar moi ben, pero que se é coma un castigo. Non se aclaran, e claro, chega o momento de entrar no colexio, e os nenos pensarán que aquelo é de tolos. Os maiores, como reis da casa, a correr e a berrar encantados, e claro, os máis pequenos teñen que amedrentarse. Por se iso era pouco, logo están os pais. Como se non voltasen ver ós fillos, algúns machácano a bicos e advertencias, e á hora da despedida, case se lles veñen as bágoas ós ollos. ¿Cómo pretenden que os nenos se queden tranquilos? Xa sei que da pena, pero igual que os demáis subsistimos, tamén o farán eles. Dende que entras no colexio ata que remantas na universidade, poden pasar 17 anos -se todo vai ben-, así que será mellor tomar a cousa con calma.