O seu entorno dá por feito que voltará ao cargo tras falar Bahamonde con él O ex mandatario leva traballando todo o verán para o club e participou activamente en varias fichaxes
31 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.? nome de Juan Suárez Carbia volta a soar como futuro presidente do Club Deportivo Lalín. Pero agora, con máis forza cá nunca, ata o punto de que nos círculos do ex mandatario xa se dá por feito que el será a cabeza da directiva que a medio prazo substitúa a xestora de José Manuel Bahamonde. O presidente provisional, que desde a súa chegada ao sillón roxinegro deixou ben clara a súa intención de parar o menos posible no cargo, recoñeceu esta semana que «Juan Suárez Carbia é unha das tres persoas ás que lles ofrecín o posto e coas que estou en contacto». Bahamonde non quixo, nembargante, falar de favoritos, e limitouse a apuntar que «o regreso de Juan á directiva é unha posibilidade, aínda que non necesariamente para voltar á presidencia». Mais o certo é que o grao de implicación de Suárez Carbia no novo proxecto deportivo do C.D. Lalín fai pensar nel como o relevo de Bahamonde no cargo. Resultaría extraño non ver de novo ao ex directivo no primeiro plano do club tras pasar tantas horas como pasou este verán nas oficinas roxinegras, e de participar activamente en varias das fichaxes do primeiro equipo, como a do retornado Ramón Zafra. Son varias as persoas que teñen visto a Suárez Carbia saír do local do club en compaña de José Manuel Bahamonde, e tódolos seus coñecidos saben de sobra que de retornar, o ex presidente só o faría como director de orquestra, despois da suá frustrada e frustrante vicepresidencia en compaña de Álvaro Méndez. O protagonista cala A negativa do protagonista a facer calquera tipo de declaracións sobre a cuestión débese ler neste caso como unha mostra máis de que el será o novo home forte do C.D. Lalín, agás sorpresa maiúscula. O regreso á aposta pola canteira fronte ás fichaxes foráneas da anterior directiva semella a clave do cambio de opinión dun Suárez Carbia que se negou a recoller o club trala marcha de Méndez, pesie a soar como o seu substituto natural. Iso si, haberá que agardar arredor dun mes para a presentación oficial da nova directiva co ex mandatario á cabeza. E é que, hai que lembrar, Carbia esixíu no seu día unha solución pactada con Facenda para o seu retorno, no aire á espera do remate das vacacións estivais dos funcionarios correspondentes. Só o torcemento desta operación podería botar por terra a candidatura do pasteleiro, quen sempre avogou por chegar a un acordo co organismo de cobro estatal para eliminar unha débeda que cando deixou o club ascendía a uns 72.000 euros (12 millóns de pesetas das de antes). Zanxar cuestións pendentes Ademais, antes do cambio de presidente, José Manuel Bahamonde quere rematar o que comezou: pechar o plantel de José Manuel Acevedo, caso Martin incluído, e completar a campaña de entrega de carnés, calificada ata o momento de excelente pola xestora e coa que se busca recuperar a masa social roxinegra tras varias tempadas de preocupante achicamento. Unha vez resoltas as cuestións pendentes, convocarase unha nova asemblea de socios do C.D. Lalín na que Juan Suárez Carbia se presentará coa maioría da actual xestora para ser refrendados como directiva para os vindeiros catro anos. Por outro lado, Bahamonde conta con que hoxe, por fin, a Real Federación Española de Fútbol lle comunique se lle permite ao holandés Martin Wolfswinkel asinar ou non polo equipo dezao. O tema foi aparcado pola Federación durante o mes de agosto. ¿Por que? Por vacacións. Lóxico e natural.