Festa dos Dolores

ROCHI

DEZA

A BALADA DO CANDÁN | O |

28 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

PARECEN NON casar moi ben festa e dolor. Supostamente, a primeira está para gozar e, no posible, esquecer precisamente a dor. O poeta Publio Syro opinaba que con gusto se perde o placer, cando con elo desaparece a dor: «Bene perdis gaudium, ubi dolor pariter perit». Pero nesta nosa festa de Forcarei, cunha tradición que se remonta a máis de século e medio, o asunto é conxugar a advocación da Virxe das Dolores coa festa, lúdica, profana e aliviadora de penas. Tampouco son cousas tan dispares, porque os propios latinos, coma un adaxio máis, tiñan aquel de que «Divinum opus sedare dolorem», é dicir, é cousa divina aliviar a dolor, aínda que non queda moi claro se é labor divino polo excelso do asunto ou pola intervención que os crentes lle piden a Deus. Oscar Wilde pensaba en algo semellante cando dicía: «líbrame, Deus, da dor física, que da moral xa me librarei eu». Sexa como sexa, non imos tan desencamiñados, non están tan abismalmente separados o gozo e a dor, do mesmo xeito que, no antigo mundo clásico, estaban case sempre inevitablemente xunguidos o amor e maila morte, é dicir, Eros e Tánatos. O que está claro é que a festa de Forcarei aínda compaxina bastante ben ese senso relixioso co senso profano e lúdico das verbenas e do divertimento. Seguimos tendo a novena pola Virxe, as misas dos catro días de festa, a procesión do día grande e o día no que a antiga confraría de San Roque celebraba ó seu patrón, o luns dos Dolores. Con esas celebracións de tinte sacro, conxúganse as verbenas, os xigantes na procesión, a música, as comidas con festeiros e o ambiente de diversión e gozo profano cada un dos catro días. Deste xeito, os devotos teñen a súa festa e os buliciosos a súa, en paz e harmonía. O peor é poñerse a recordar os bellos tempos, os tempos de festas pasadas, e volvérmonos nostálxicos, porque xa o dicía Carlos Casares: «As lembranzas, ou se miran co gozo dunha época feliz ou morden nalgún sitio». Así que, o mellor, gozar das presentes. Que sexa para ben, que todos gocemos e que a única dolor que haxa sexa a que dá nome á festa. Rochi@forcarei.net