O vello vaise ...

XESÚS CORDEIRO MENFIS

DEZA

19 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

ERA UNHA FRASE que sempre estaba en boca de Iglesias, bromeando coa morte, simplemente cando tiña que ir xogar a partida aos Xubilados ou mesmo cando estaba cos seus frecuentes achaques da bronquite crónica, nunca perdía ese humor do que sempre fixo gala diante de todos nós e cando se lle preguntaba:... «Que tal, Iglesias?», respostaba: «O vello vaise». Sobremesas de café Atrás quedan xa aqueles auténticos e literais rolos de chistes que sacaba a relatar cada vez que había un auditorio disposto a disfrutar da súa labia e das súas discusións, sobre todo políticas, que habilmente provocaba; esas de sobremesa que ao lado dun café de pota e unha copa de Insuperable, axudaban a disfrutar dunha boa dixestión que sempre facía falta cando Pacita nos deleitaba cos seus manxares. Chuzaba adrede, sobre todo a min e á súa filla Chus e por extensión acababa implicando a toda a familia. Disfrutaba a base de ben e ao mesmo tempo contribuía a manter unida unha familia supernumerosa e espléndida en todas as súas facetas; acolledora como poucas e sempre arroupada. Sentido do humor Unha proba do seu sentido do humor amosábaa cando sempre dicía que lavaba o pelo con Ariel porque «branquea moito máis». Atrás queda a súa sabiduría autodidacta, como poucas que teño coñecido, sacada de devorar libros e libros toda a súa vida. Atrás quedan eses interminable crucigramas que a toda hora o acompañaban. Por fin, entrou nun bache que ao final non poido superar, se cadra coa pena de non terse ido antes ca súa filla. Ao fin, o vello foise ...