Se Marx erguese a cabeza

DEZA

O SOL | O |

01 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

ADMÍTOO, SON parte do universo capitalista. Confésoo sen problemas e non agocho a miña condición. Chegan as rebaixas e sempre acabo mercando algo; entro nun todo a cen -vamos, nun case todo a un euro- e é raro que non saia con algunha chuminada. Sí, son como a meirande parte da sociedade, e non me avergoño. Ultimamente estoume decatando de que o que está de moda é ser alternativo, vivir nun mundo paralelo e abandeirar os ideais máis utópicos posibles, pero esta opción é, ante todo, de boquilla, porque a esencia idealista estase perdendo. Ata os máis acérrimos defensores do comunismo se plegaron á voráxine capitalista. ¿Qué pensaría Marx se se erguese da tumba e vira ós seus discípulos vestidos de Armani? A praxe está a esmolecer vellas consignas e a acabar con soños doutrora. Os ideais sociais, económicos e mesmo filosóficos que deron de beber as almas de moitos estanse esfumando e algúns nin se decatan. Pode que eu teña unha idea equivocada, e que non todo teña que ser branco ou negro, pero hai cousas que me resulta complicado entender.