«Estrearemos a obra en Lalín por ser o corazón de Galiza»

Amelia Ferreiroa lalín

DEZA

Entrevista | Teresa Iglesias DIRECTORA DO INSTITUTO LUCENSE DE EXPRESIÓN E ARTE O espectáculo «O Sentir do Camiño» busca máis achegamento ao Xacobeo

27 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

O espectáculo O Sentir do Camiño , realizado polo Instituto Lucense de Expresión e Arte, verá a luz despois de dous anos de traballo. Lalín é o esceario elexido para o seu estreo. Será o vindeiro 5 de xuño. -¿Como xurdiu a posta en marcha deste proxecto? -Naceu no instituto nun obradoiro de traballo no que participaban corenta persoas. Presentamos o proxecto á Deputación de Lugo e a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo da Xunta que nos deron o visto bo para executalo e, despois de dous anos de traballo, imos presentalo e ogallá que lle guste á xente. O pasado mércores fixemos a súa presentación na Casa da Galicia en Madrid e suscitou moito interese. Espero que teña a mesma resposta nos pobos nos que o daremos a coñecer. -¿Que é «O Sentir do Camiño»? -É un espectáculo no que se combinan todas as linguaxes expresivas: a música, a danza, o teatro e a poesía. É unha función multidisciplinar que conta a historia dun cativo que atopa un diario dun peregrino e que, a través das súas páxinas, comeza a percorrer o Camiño dende O Cebreiro ata Compostela. O rapaz, o protagonista da historia, irá vivindo momentos emocionais ao longo do traxecto: amor, plenitude pero tamén soidade. -¿Por que se decantaron pola capital dezá para facer o estreo da obra? -Estrearemos a obra en Lalín por ser o corazón de Galiza, por ser o quilómetro 0 da nosa comunidade e tamén polo apoio que nos deu o alcalde Xosé Crespo no momento en que lle falamos deste espectáculo e polas facilidades que atopamos no equipo de Cultura do Concello á hora de programar o estreo. -¿Chegará a outras poboacións? -Espero que sí. O noso desexo é que se poida representar en todas as provincias galegas.