Todo apunta ao peor dos casos, a rotura dun ligamento do xeonllo dereito do xogador do Galisec O futbolista ingresou no Sanatorio Domínguez e podería ser operado a vindeira semana
21 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.? mala sorte cebouse na figura de Marcos Sesar. O xogador do Galisec, atropellado esta semana nunha céntrica rúa da Estrada, tardará moito en voltar a disputar un partido de fútbol sala. Onte, no Sanatorio Domínguez, practicáronlle un escáner e unha radiografía, das que se desprendeu que a lesión sufrida no seu xeonllo dereito é moito peor do que se pensaba nun momento. Coas probas na man, o médico que o atendeu chegou á conclusión de que Marcos rachou o ligamento posterior cruzado da súa articulación. Unha resonancia despexará calquera dúbida ao respecto. Mais os seus resultados tardarán aínda uns días. De confirmarse o diagnóstico, o futbolista deberá permanecer de baixa entre seis e nove meses. Iso, despois dunha intervención cirúrxica, que lle practicaría a vindeira semana. No mellor dos casos, se a resonancia descartase a rotura, Sesar estaría ante un desgarro do ligamento. Non habería que operar, pero a recuperación seguiría sendo considerable. Entre dous e tres meses. Por desgracia, laiábase onte Marcos, «aínda que non se apreza ben no escáner e na radiogracía, ten toda a pinta de que rachei». Como é natural nestes casos, o xogador do Galisec amosábase onte moi afectado pola nova. Todo un xarro de auga fría sobre un rapaz que ama a práctica do fútbol sala. Sobre todo tendo en conta que o diagnóstico o colleu completamente desprevenido. E é que «eu contaba con que se tratase dun esguince forte» sen maior complicación. Coñecida a gravidade, maior ou menor, da lesión, Marcos quedou onte ingresado no Domínguez pendente da resonancia e do posible paso por quirófano. Ánimo e paciencia.