?ta o derradeiro minuto da Liga Galega tivo que agardar onte o equipo xuvenil do Callobre para confirmar a súa permanencia na categoría. Precisaba un triunfo sobre o modesto Viveiro, e conseguíuno, aínda que pola mínima: 2-1. Os arredor de 150 afeccionados que apoiaban aos rapaces de Tinto e Requeixo sufriron moito ata a chegada do marcador definitivo no minuto 75 de partido. Antes, viron como o cadro visitante se ía ao descanso cun 0-1 mercede a un córner aillado no minuto 25. A situación foi desquiciante na primeira parte. O Callobre, que controlou o encontro de principio a fin, contemplou como o árbitro lle escamoteaba dous claros penaltis a favor antes do 0-1. Ademais, tres ocasións de gol de Manuti, Ángel e Peiteado daban fé de quen poñía o xogo e o perigo no choque. Na reanudación, máis do mesmo, coa diferencia de que o Callobre si soubo aproveitar alomenos dúas das súas opcións de ataque. Manuti, en xogada persoal, igualaba o partido cun trallazo desde o borde frontal da área visitante no minuto 65, e dez despois Vicente, a pase de Josiño, dáballes o triunfo e a salvación aos locais cun precioso tiro cruzado dentro da área rival. Ao final, explosión de xúbilo entre os siareiros locais que acompañaron os xuvenís nun duelo de alta tensión. Pola súa parte, os xuvenís do Sporting Estrada derrotaron 2-0 ao Rayo Sadense na ida da primeira eliminatoria da fase de ascenso á Liga Galega.