Entrevista | Manuel Varela Rodríguez A saída será o 16 de maio cun percorrido de preto de 90 quilómetros diarios
01 abr 2004 . Actualizado a las 07:00 h.O lalinense Manuel Varela adica o seu tempo de lecer á bicicleta de montaña. Facer o Camiño de Santiago era unha vella promesa... -Un grupo de amigos xa fixemos o Camiño de Santiago dende Ponferrada e prometínme voltar a facelo dende Roncesvalles este ano se me atopaba ben de saúde. Polo tanto comecei a preparar a viaxe e entrei na páxina www.amigosdociclismo.com onde me atopei cun gran número de amantes da bicicleta que estaban interesados en realizar este percorrido. -¿De cantas persoas estamos a falar? -Xuntarémonos persoas de toda España e mesmo das illas. Seremos moitos polos contactos que estamos a manter pero é imposible falar dun número determinado de participantes. Haberá mulleres e homes de idades diferentes e saíremos de Roncesvalles o 16 de maio. Segundo as nosas estimacións, precisaremos de entre doce e catorce días para chegar a Compostela e cada xornada percorreremos entre setenta e noventa quilómetros, aproximadamente. Pretendemos posuir un nivel equitativo entre os ciclistas, que sexa un grupo o máis homoxéneo posible para que non existan desfases e non sexa preciso agardar polos últimos. -É necesario estar en boa forma física... -É certo que non estamos a falar dun paseo. Son bastantes quilómetros os que imos percorrer polo que se require estar en boa forma física e haberá que estar disposto a aguantar calquera inclemencia ou adversidade que se presente ao longo do traxecto. -¿Unha oportunidade para facer turismo? -Non será só pedalear senón que aproveitaremos tamén para coñecer os distintos aspectos do camiño dende o punto de vista cultural. Creo que será unha experiencia moi gratificantes en todos os sentidos e tamén dende o punto de vista de intercambio de ideas, de opinións e de convivir cunha morea de persoas chegadas dende distintos rincóns de España. Estou realmente ilusionado con esta experiencia que espero chegue a materializarse alá para o mes de maio.