«Estamos desexando actuar en Galiza alá para o verán»

Amelia Ferreiroa lalín

DEZA

Entrevista | Gala Curros Varela Esta agolense compaxina os seus estudios en Ferrol con actuacións co grupo belga Kadril

30 mar 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

O seu interese polo baile primeiro e pola música despois vénlle dende os seus primeiros anos de vida. Unha carreira artística da que aínda queda moito por escribir. -¿Con que idade se interesou polo baile? -Moi pequena. Penso que tiña sete anos e logo con once xa apostei pola música tradicional. Entrei a formar parte do grupo Xacarandaina e agora estou co grupo Kadril percorrendo Bélxica. -¿Como entrou a formar parte de dita formación? -Co grupo Xacarandaina tiven a oportunidade de viaxar bastante xa que actuamos en Galiza, en boa parte de España e mesmo nos desprazamos a Francia. Alí, durante o Festival de Lorient coñecín ao grupo e propuxéronme formar parte do mesmo xa que estaban a buscar unha cantareira. Deixei Xacarandaina e aquí estou con Kadril. -Un grupo cunha ampla traxectoria artística... -E tanto. Levan máis de vintecinco anos facendo música de Flandes típica pero cunha mestura de folque e rock. Agora estamos a promocionar o último traballo que se chama La paloma negra con concertos por Bélxica os fins de semán e estamos desexando actuar por Galiza alá para o verán. Tentamos que se nos coñeza tamén aquí e agardamos que aos galegos lles guste a música que facemos. Ogallá podamos actuar tamén na comarca dezá.