«Imos consolidar este ano a semana da risa en toda Galiza»

Amelia Ferreiroa lalín

DEZA

Entrevista | Toño González Abal Silleda divulgará a terceira Semana do Humor nas sete grandes cidades galegas

17 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

Nos primeiros días do mes de abril o Concello de Silleda presentará oficialmente o programa da terceira Semana do Humor, que se celebrará do 30 de abril ao 2 de maio. -¿Pódese falar xa dunha consolidación do evento despois de dous anos de existencia? -Imos consolidar este ano a semana da risa en toda Galiza xa que a nivel da comarca xa o está. Nas anteriores edicións tivemos moitas chamadas de fóra para preguntarnos polas actividades e actuacións. Este ano imos levarlles a información a domicilio. -¿De que xeito o farán? -Son unhas accións divulgativas que consisten na actuación de estatuas humanas, chegadas dende Chile e Irlanda, que se desprazarán as cidades de Santiago, Vigo, A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra para promocionar a nosa Semana do Humor. Os cidadáns terán a oportunidade, ó carón das estatuas, de recoller un tríptico con todas as actividades. Este acto de promoción, que está subvencionado polo Xacobeo, levarase a cabo do 24 ao 30 de abril, ambos inclusive. A divulgación do certame será máxima xa que imos repartir 25.000 trípticos. -¿Cales son as grandes novidades deste ano? -O programa é moi completo. Haberá actividades circense nas prazas, cursos, pasarúas, actuacións e caricaturistas. Pretendemos potenciar o humor de rúa e, ao coincidir en datas de fin de semana, agardamos que veña xente de toda a comunidade a Silleda e que estea entre nós ao longo de tres días. -¿Cales son as actuacións estelares do certame? -Todos os que virán ao certame son grandes profesionais. Están a altura dos mellores. Non cabe dúbida de que as entradas para asistir ao espectáculo de Pepe Viyuela se esgotarán axiña e o mesmo pasará co estreo de Cómicos que traerá a Silleda a Eva Hache, Agustín Jiménez, More e Máximo Pradera. A parte máis emotiva do certame será a entrega dos Sorrisos de Ouro a Chumy Chúmez, Juan Rosa e Pepe Carrol.