Entrevista | Anxo García Fernández DIRECTOR DO MUSEO GALEGO DA MARIONETA DE LALÍN O Museo Galego da Marioneta voltou a abrir as súas portas despois dunhas obras
03 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.Un mes permaneceu pechado o Museo Galego da Marioneta de Lalín por mor dunha serie de traballos que se levaron a cabo no mesmo. -¿En que se centraron as obras realizadas? -Foron obras de decoración e tamén de reorganización da exposición. O Museo Galego da Marioneta conta cunha mostra permanente e fíxose un cambio no decorado, pintouse a sala de exposición, que presenta agora máis colorido, e incluíuse na mostra máis pezas, máis marionetas. -¿Que tipo de marionetas se engadiron á colección? -Adquirimos marionetas étnicas, de distintos países. Temos unha de Turquía, outra máis de Nepal e algunha portuguesa. A exposición complétase con oito marionetas dos anos sesenta. -¿Cal é a procedencia das mesmas? -Demos con estas marionetas a través dunha páxina web e nós mercámosllas a un anticuario de Andalucía. Son marionetas infantís con corpo de tela e cabeza de goma. Son xoguetes industriais pero moi interesantes que agora poden verse no museo. -¿Cantas pezas alberga en total o centro? -Non podería dar un número exacto de pezas. Temos moitas, de múltiples variedades e diversas técnicas. Contamos cun volume bastante importante e interesante. Unha das nosas metas é poder facernos cun patrimonio, o máis rico e variopinto posible, de marionetas. -Tendo en conta o volume de pezas que existe no museo, ¿o local quédase pequeno? -Dende o principio xa dixemos que se nos faría pequeno pero é o que temos, de momento. O local quédase pequeno e gardamos material en caixas xa que non dispoñemos de sitio suficiente para amosar tódalas pezas coas que conta o museo. Agardamos que nun futuro se poida ampliar o local ou buscar outro que sexa máis espacioso. De momento ímonos apañando co que temos.